A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu o Comité consultivo para a protección animal

A Xunta salienta o compromiso das entidades locais e das asociacións protectoras co coidado e atención dos animais domésticos abandonados

Belén do Campo lembra que permanece aberto o prazo de solicitude das axudas para contribuír ao financiamento dos gastos derivados do coidado, a atención e a manutención dos animais domésticos abandonados que teñen ao seu cargo

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, salientou hoxe o compromiso das entidades locais e das asociacións protectoras no coidado e atención do animais domésticos abandonados durante a súa intervención na reunión do Comité consultivo para a protección animal.

 

No marco desta reunión, a directora xeral lembrou que permanece aberto, ata o 15 de setembro, o prazo de presentación de solicitudes para as dúas ordes de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dirixidas a apoiar tanto aos concellos como ás entidades e asociacións protectoras de animais no financiamento dos gastos que asumen a diario, co obxectivo de garantir o coidado, a atención e a manutención dos animais domésticos abandonados que teñen ao seu cargo.

 

No caso das axudas dirixidas ás entidades locais, entre os gastos subvencionables inclúense aqueles relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), a compra de alimento e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas, dos animais de compañía ao seu cargo.

 

En canto ás subvencións para apoiar ás protectoras, poderán solicitar tamén, a maiores das anteriores, axudas para a compra de material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para a xestión e manexo dos animais como, por exemplo, remolques para facilitar o transporte dos animais, software específico, dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro, ou equipamento veterinario. A subvención poderá chegar, neste caso, a 5.000 euros por solicitante.

 

Así mesmo, todas as entidades protectoras debidamente rexistradas en Galicia tamén poden acollerse a axudas de ata un máximo de 2.500 euros para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares dunha instalación dedicada a este fin.

 

Tanto os concellos como as asociacións poderán pedir que se lles subvencionen calquera destes gastos sempre que se executen no período comprendido entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023