A conselleira de Política Social e Xuventude fixo balance hoxe no Parlamento desta medida e do programa das casas niño

A gratuidade das escolas infantís implantada pola Xunta supón un aforro de máis de 150 M€ para as familias galegas

Fabiola García sinala que é unha medida estratéxica para o Executivo autonómico e que “chegou para quedarse”

A nosa Comunidade rematará o ano cun centenar de casas niño en funcionamento e as 500 familias atendidas

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023 A gratuidade das escolas infantís implantada pola Xunta supón un aforro conxunto para as familias galegas de máis de 150 millóns de euros. Así o indicou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, nunha resposta parlamentaria na que fixo balance desta medida, que comezou a aplicarse no curso 2021-2022 para os segundos fillos e sucesivos e que en setembro do ano pasado estendeuse a todos os nenos de 0 a 3 anos.

Fabiola García salientou que esta é unha medida estratéxica para o Executivo autonómico e que “chegou para quedarse”, pois “é o mellor investimento de futuro que se pode facer”, engadiu. Así mesmo, sinalou que Galicia fixo historia ao converterse na primeira Comunidade Autónoma en adoptala e que agora outros gobernos rexionais tentan imitala. “Seguimos sendo os únicos con oito horas diarias de atención educativa completamente gratuíta once meses ao ano en todos os centros”, apuntou.

A conselleira fixo un balance moi positivo da gratuidade, da que se benefician máis de 31.000 familias neste curso. Ademais, aproveitou para agradecer a excelente labor que realizan cada día os profesores das escolas infantís.

Aposta por un rural vivo e con servizos

Noutra resposta parlamentaria, a titular de Política Social e Xuventude tamén valorou coma un “éxito” a creación das casas niño, centros para a atención de nenos de 0 a 3 anos totalmente gratuítos para as familias e cos que se favorece a conciliación en municipios nos que non hai unha escola infantil. Ao respecto, anunciou que está próxima a resolverse unha nova convocatoria de axudas para a posta en marcha de ata dez novos equipamentos deste tipo, polo que antes de que remate o ano Galicia superará os 100 en funcionamento e as 500 familias atendidas.

Fabiola García indicou que en total este ano 2023 a Xunta destinará 2,5 millóns de euros a manter e reforzar a rede de casas niño, que comezou a desenvolverse no ano 2016 e que hoxe conta con 95 centros que ofertan 475 prazas de 0 a 3 anos. Así mesmo, apuntou que estes servizos, ademais de ser unha medida “acertada” e “eficaz” para facilitar a conciliación, son un “paso firme deste Goberno por un rural máis vivo e con servizos, así como unha clara aposta pola igualdade de oportunidades en toda Galicia”.

A conselleira destacou que medidas como a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, o Bono concilia ou a Tarxeta benvida converten a nosa Comunidade nun referente en materia de conciliación e de apoio ás familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023