A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, abordou hoxe no Parlamento de Galicia as actuacións de mellora proxectadas neste servizo

A Xunta licita por 1,2 M€ a reforma integral do centro público de atención á discapacidade Souto de Leixa de Ferrol

Mellorarase a funcionalidade, a eficiencia enerxética e o confort das instalacións e, ademais, incorporaranse axudas técnicas e novas tecnoloxías que facilitarán o traballo dos profesionais e o día a día dos usuarios

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

A Xunta licitou xa as obras para unha completa reforma do centro público de atención á discapacidade Souto de Leixa, para as que destina un orzamento de 1,2 millóns de euros. Así o indicou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, nunha resposta a unha pregunta parlamentaria na que explicou que esta intervención mellorará a funcionalidade, a eficiencia enerxética e o confort do centro, e que ademais permitirá incorporar axudas técnicas e novas tecnoloxías que facilitarán o traballo dos profesionais e o día a día dos usuarios.

 

Fabiola García enmarcou esta ambiciosa intervención no Souto de Leixa no desexo de poñer á disposición das familias os mellores coidados e instalacións. Neste sentido, apuntou que nos últimos anos o Goberno galego leva investidos neste equipamento de titularidade pública preto de 600.000 euros en diferentes actuacións de mellora, entre elas a posta en funcionamento do vaso terapéutico que tanto demandaban as familias.

 

Ademais, a conselleira indicou que desde a Xunta se mantén un diálogo permanente coas familias para tomar nota das súas inquedanzas. Así mesmo, defendeu a profesionalidade e bo facer do persoal do centro Souto de Leixa.

 

Fabiola García subliñou o compromiso do Executivo autonómico coa atención á discapacidade, que este ano conta cun orzamento de máis de 165 millóns de euros, o que supón unha subida do 16% con respecto ao ano pasado. Un reforzo económico que permite á Xunta apoiar a estas persoas e ás súas familias nas diferentes etapas das súas vidas: desde a infancia, cunha ampla rede de atención temperá que hoxe chega a case 200 concellos; a nivel educativo, cuns centros de ensino cada día máis inclusivos; e no ámbito dos coidados, incrementando nun 40% o número de prazas públicas nos últimos trece anos para acadar na actualidade as 5.800.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023