A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha interpelación sobre o sistema autonómico de protección de menores

A Xunta destina 60 M€ ao sistema de protección de menores, un 40% máis que no ano 2009

Destaca a aposta polo acollemento familiar cun incremento no 20% das axudas ás familias acolledoras e coa creación do primeiro programa de acollemento familiar especializado

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023 A Xunta destina 60 millóns de euros ao ano para o sistema de protección de menores, un 40% máis que os destinados a esta materia no ano 2009. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha interpelación sobre esta materia na que apuntou que o Goberno galego está a poñer en marcha novos programas e servizos para mellorar a atención a nenos e adolescentes en risco de desamparo.

Neste sentido, a conselleira apuntou que neste ano 2023 o Goberno galego incrementou nun 20% as axudas destinas ás familias acolledoras para que os nenos que se atopan dentro do sistema de protección autonómico poidan medrar nun fogar. Neste sentido, lembrou que tamén se creou o primeiro programa de acollemento familiar especializado, para que os nenos con máis dificultades poidan atopar unha familia acolledora.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que tamén se está a aumentar o presuposto do Programa de Integración Familiar (PIF), para intervir en casos de posible deterioro familiar e fomentar que os nenos tutelados poidan volver aos seus fogares; e estase a estender a rede de Puntos de Encontro Familiar (PEF), para realizar de xeito seguro as visitas estipuladas polos xulgados en separacións conflitivas.

Melloras laborais

A conselleira destacou que a Xunta tamén está a duplicar a contía de programas como o Mentor, para facilitar o tránsito á vida adulta dos adolescentes en réxime de protección e creouse un novo servizo residencial especializado en nenos con problemas de saúde mental. Un recurso pioneiro en toda España.

Fabiola García puxo en valor o traballo dos equipos técnicos de menores e, especialmente, o esforzo realizado en momentos tan difíciles como a pandemia da covid-19. Destacou que a Xunta segue a reforzar estes equipos e mellorando as súas condicións laborais para que poidan desenvolver o seu labor do xeito máis doado posible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023