Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha pregunta na Cámara autonómica

A Xunta demanda ao Goberno de España claridade e información certeira sobre cantos trens Avril vai destinar a Galicia e cando se poderán comprar billetes

Vázquez Mourelle sinala que a Xunta descoñece se os convois que Talgo dixo que entregará en novembro son de ancho desprazable, se esas primeiras unidades se destinarán a Galicia e se se entregarán á comunidade os 7 Avril que demanda a Xunta

Censura que, un verán máis, as cidades coas infraestruturas que lles permitirían estar xa beneficiándose das vantaxes da alta velocidade, como A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, se verán privadas por un novo incumprimento do Goberno central

Lembra que os trens Avril son a única maneira de asegurar que a alta velocidade se adentre en Galicia máis alá de Ourense

Destaca que se os trens Avril estiveran operativos, aínda mantendo a oferta actual, permitirían incrementar nun 65 % o número de prazas dispoñibles

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023 A Xunta demanda ao Goberno de España claridade e información certeira de cantos trens Avril vai destinar a Galicia e cando se poderán comprar billetes.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou no Parlamento galego que o anuncio de Talgo de que en novembro entregará as primeiras unidades dos trens Avril non aclara a chegada da alta velocidade ás cidades galegas, pois non se sabe se os convois que se van entregar son de ancho desprazable; se esas primeiras unidades se destinarán a Galicia; nin sequera se o Goberno de España pensa entregar á comunidade os 7 trens Avril de rodadura variable que lle demanda a Xunta.

Lamentou que tampouco se saiba a data na que eses trens Avril van poder estar operando comercialmente nas cidades da Coruña, de Santiago, de Pontevedra e de Vigo, xa que ata o momento o Goberno de España non deu ningunha explicación nin comunicación oficial, limitándose a dicir que “hai que esperar”. Pero os galegos, incidiu Ethel Vázquez, “estamos cansos e fartos de tanta espera e de tantos incumprimentos do Goberno central”.

Censurou que, un verán máis, as cidades que contan coas infraestruturas que lles permitirían estar xa beneficiándose das vantaxes da alta velocidade, como A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, se verán privadas do AVE por un novo incumprimento do Goberno central cos galegos. 

Detallou que os trens Avril teñen o dobre de prazas que os Alvia ou os AVE que hoxe conectan Galicia con Madrid polo que se eses convois estiveran operativos, aínda mantendo a oferta actual, permitirían incrementar nun 65 % o número de prazas dispoñibles.

A Xunta, dixo, seguirá reivindicando a importancia estratéxica destes trens, xa que supoñen a única maneira de asegurar que a alta velocidade se adentre en Galicia máis alá de Ourense.

Ademais da entrega das 7 unidades de trens Avril que pide Galicia, a Xunta tamén demandará do Goberno central que incremente as frecuencias, poñendo á disposición dos usuarios servizos de ida e volta entre Madrid e A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo a primeira hora da mañá, ao mediodía e á tarde-noite para garantir unha oferta axeitada e eficiente de alta velocidade entre as cidades galegas e Madrid.

Por último, Ethel Vázquez referiuse á necesidade e urxencia de que o Goberno de España modernice as infraestruturas da liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo e de que habilite os investimentos necesarios para electrificar a liña de tren de Ferrol, co obxectivo de garantir que tamén a alta velocidade chegue ás cidades de Lugo e de Ferrol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023