A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento

A Xunta inviste máis de 115 M€ en 6 anos na mellora dos firmes das estradas autonómicas para garantir a conservación e reforzar a seguridade viaria

Vázquez Mourelle salienta que a Xunta leva licitadas este ano obras de mellora do firme por importe de 20,5 M€, no marco do Plan de reforzos de firme, en marcha desde 2016

Remarca o Plan de conservación ordinaria e viabilidade invernal, licitado en outubro de 2021 por importe de 133,5 M€ e por un período de 4 anos

Pon en valor a inspección e xestión de obras de paso, muros e noiros, cun sistema pioneiro que este ano conta con partida específica por importe de 4,1 M€

Recorda que a Xunta vén de encomendar á empresa pública Seaga a realización de traballos de control de biomasa nas marxes das vías autonómicas durante os vindeiros dous anos, o que suporá preto de 3 M€ de investimento

Critica a inacción do Goberno central na conservación da rede da súa titularidade, cun deplorable estado en casos como o da A-6, a A-52, a A-55 ou a N-642 na Mariña

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

A Xunta investiu máis de 115 M€ en 6 anos na mellora dos firmes das estradas autonómicas para garantir a conservación e reforzar a seguridade viaria e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios.

 

Así o manifestou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no Parlamento de Galicia, onde subliñou que a Xunta leva licitadas este ano obras de mellora do firme por importe de 20,5 M€.

 

O Goberno galego, desde que en 2016 puxo en marcha o Plan de reforzos de firme, dedica unha media de 20 M€ anuais a este cometido.

 

Lembrou que a maiores, este ano as empresas concesionarias das autovías autonómicas van acometer obras de mantemento e rehabilitación do firme.

 

Así, na A-56, a autovía Santiago-Brión, os traballos xa comezaron o pasado mes de abril e terán que estar rematados ao finais do verán, cun orzamento de 5,9 M€. Na autovía do Barbanza tamén se vai mellorar o firme, mediante un investimento que roldará os 6 M€.

 

A isto súmase o Plan de conservación ordinaria e viabilidade invernal, licitado en outubro de 2021 por importe de 133,5 M€ e por un período de 4 anos.

 

Tamén puxo en valor a inspección e xestión de obras de paso, muros e noiros, cun sistema no que a Xunta é pioneira e que este ano conta, por primeira vez, con partida específica por importe de 4,1 M€.

 

Recordou que o pasado día 19 a Xunta encomendou á empresa pública Seaga a realización de traballos de control de biomasa nas marxes das vías autonómicas durante os vindeiros dous anos, o que suporá preto de 3 M€ de investimento.

 

Fronte á aposta da Xunta pola conservación das estradas autonómicas, contrapuxo a inacción do Goberno central na rede da súa titularidade, cun deplorable estado de mantemento en casos como o da A-6, a A-52, a A-55 ou a N-642 na Mariña.

 

Lamentou que por exemplo os usuarios da autoestrada estatal AP-53, entre Santiago e Dozón, teñan que pagar unha das peaxes máis caras de España, sen ningún tipo de bonificacións, por transitar por unha vía chea de fochancas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023