A Xunta abre o prazo para inscribirse no Programa de voluntariado ambiental interxeracional en 18 espazos naturais

Nesta terceira edición están programadas 32 actividades que impulsan o respecto e coidado do patrimonio natural da Comunidade

A iniciativa desenvolverase as fins de semanas desde xuño a outubro e por primeira vez, as accións programadas estenderanse a dous monumentos naturais

O Goberno galego pon á disposición un total de 434 prazas

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023 A Xunta de Galicia abre o prazo para inscribirse no Programa de voluntariado ambiental interxeracional en 18 espazos naturais da Comunidade. Esta iniciativa gratuíta ofrece un completo programa de actividades que impulsan o respecto e o coidado por un dos grandes tesouros de Galicia, o seu patrimonio natural.

Nesta terceira edición da iniciativa, posta en marcha polas Consellerías de Política Social e Xuventude e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ofrécense 434 prazas. Serán un total de 32 actuacións que se levarán a cabo todas as fins de semana desde xuño ata o 8 de outubro. A primeira cita será este mesmo fin de semana na Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia lla de Ons.

Espazos naturais

Están programadas accións no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada); nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, Fragas do Eume, e complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; no Xeoparque Montañas do Courel; e nas reservas de biosfera As Terras do Miño, Río Eo, Oscos e Terras do Burón, Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá

Ademais, e por primeira vez, tamén se programan actuacións nos Monumentos NaturaisFraga de Catasós e Costa de Dexo na mesma liña das edicións anteriores, nas que se foron incorporando progresivamente á iniciativa os parques naturais, as reservas de biosfera, as zonas de especial conservación e o xeoparque mundial. Os escenarios serán, polo tanto, 18 espazos naturais que compoñen o rico patrimonio natural de Galicia.

En cada un deles o traballo dos participantes centrarase na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Ademais, o programa procura fomentar a cooperación e o traballo desinteresado desde unha perspectiva interxeracional. 

Inscrición

As persoas interesadas en inscribirse nesta edición do Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional poden facelo a través do espazo habilitado na páxina web www.voluntariadogalego.org. Os únicos requisitos para participar neste programa autonómico son ter cumprido os 18 anos, residir na Comunidade Autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario que se atopa na páxina web. A selección realizarase por rigorosa orde de inscrición.

A Xunta de Galicia cubre os gastos de desprazamento (autobús desde Santiago de Compostela e/ou barco), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas. Cada participante debe levar os útiles de aseo persoal e toalla, así como a vestimenta axeitada para as actividades ao aire libre.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023