O conselleiro do Medio Rural contestou unha interpelación no Pleno do Parlamento sobre este asunto

A Xunta defende a puxanza do sector lácteo galego no ámbito nacional e europeo que se manifesta no incremento da produción e na suba dos prezos

José González destacou que a nosa comunidade é a rexión que máis aumenta a produción en relación con territorios semellantes dentro de Europa e que mantén máis do 56% das explotacións do conxunto de España

Salientou que Galicia produce hoxe “máis leite que hai 15 anos”, que o sector vive un proceso de concentración que se está dando a nivel internacional e que as granxas galegas seguen sendo case un terzo das de toda España

Demandou que a industria compradora do leite galego vaia a unha senda de estabilidade dos prezos en orixe con suficiente rendibilidade para garantir a viabilidade das nosas explotacións

Puxo en valor as diferentes iniciativas impulsadas pola Xunta para apoiar os sectores lácteo e cárnico, como as axudas, as estratexias sectoriais ou o protocolo de entendemento na cadea de valor da carne para frear a venda a perdas, entre outras

Cifrou por riba das 35.000 as hectáreas mobilizadas nesta lexislatura mediante diferentes instrumentos, tanto polas concentracións parcelarias como polas ferramentas da Lei de recuperación de terras ou o plan de pasteiros

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

O sector lácteo galego atópase nun proceso de crecemento constante, sendo Galicia a rexión que máis aumenta produción en relación con territorios semellantes dentro de Europa. Ademais, a nosa comunidade mantén máis do 56% das explotacións do conxunto de España. Así o destacou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha interpelación sobre este tema no Pleno do Parlamento. 

Ademais, o titular de Medio Rural salientou que Galicia produce hoxe “máis leite que hai 15 anos” e o sector vive un proceso de concentración que se está dando en toda España e no conxunto de Europa. Engadiu que Galicia segue representando case un terzo das de toda España, tanto de leite como de carne. Nesta mesma liña, o conselleiro advertiu que cómpre matizar a perda de explotacións contemplando as que cambian de actividade (de leite a carne) ou as que simplemente mudaron o seu NIF, entre outros factores.  

O conselleiro defendeu este proceso de concentración xa que, segundo explicou, redunda nunha maior rendibilidade das explotacións. Nesta liña, sinalou que a facturación media das 6.400 granxas galegas sitúase arredor de 300.000 euros. Ao tempo, rexeitou que o sector aposte por “macrogranxas” xa que, cos datos na man, a explotación media de Galicia sitúase nas 52 vacas en muxidura, 20 unidades menos que no resto de España. 

Neste contexto, o conselleiro cualificou os prezos como “fundamento” desa rendibilidade e incidiu no incremento constante e sostido deste índice nos últimos meses en Galicia. Demandou que a industria compradora do leite galego se dirixa a unha senda de estabilidade dos prezos en orixe para garantir a viabilidade das nosas explotacións.

Así mesmo, o conselleiro insistiu na necesidade de dispor de mecanismos específicos para garantir a prohibición de venda a perdas e defendeu as aplicacións informáticas postas en marcha pola Xunta para favorecer o cumprimento da normativa ao respecto, tales como Contaláctea ou Contacarne. Reiterou que o Goberno galego trasladou esta necesidade en repetidas ocasións ao Ministerio de Agricultura. 

Iniciativas da Xunta

Nesta mesma liña, José González puxo en valor as diferentes iniciativas impulsadas pola Xunta para apoiar os sectores lácteo e cárnico. Medidas como as axudas ordinarias da PAC e as extraordinarias polas dificultades que experimentan estes eidos, as estratexias sectoriais ou as devanditas aplicacións informáticas para o cálculo dos custos de produción -que defendeu como liña de traballo para conseguir a prohibición de venda a perdas-. Tamén destacou o protocolo de entendemento na cadea de valor da carne impulsado pola Xunta, a campaña de promoción do consumo de Ternera Gallega Suprema ou a defensa das razas autóctonas gandeiras.

En parecidos termos, e en relación coa necesidade de dispor de máis superficie agraria útil, José González cifrou por riba das 35.000 as hectáreas mobilizadas nesta lexislatura mediante diferentes instrumentos. Así, referiuse ás 24.000 hectáreas das 29 concentracións parcelarias decretadas dende o ano 2020; ás 10.000 hectáreas recuperadas por medio dos diferentes instrumentos da lei de recuperación da terra e ás 1.500 hectáreas que haberá ao rematar este ano dentro do plan de pasteiros. Todo isto -manifestou- demostra o esforzo da Xunta para contribuír a dotar de máis superficie agraria útil aos agricultores e gandeiros a través dos instrumentos legais que ten á súa disposición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023