A Alianza Industrial do Hidróxeno Verde é a auténtica declaración de intencións que demostra que Galicia quere ser un referente no desenvolvemento deste vector enerxético

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asinou esta mañá en Oleiros un acordo coa Asociación Galega do Hidróxeno para que exerza como oficina técnica

Destaca as plantas de hidróxeno que se van implantar nas Pontes e Meirama, que accederon a fondos europeos, e o acordo con Enagás para impulsar o hidroduto Guitiriz - Zamora

Oleiros (A Coruña), 31 de maio de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe que a Alianza Industrial do Hidróxeno Verde é a auténtica declaración de intencións que demostra que Galicia quere ser un referente no desenvolvemento deste vector enerxético.

O vicepresidente económico asinou esta mañá en Oleiros un acordo coa Asociación Galega do Hidróxeno para que exerza como oficina técnica da Alianza Industrial Galega do H2 verde. Con este paso búscase aproveitar as oportunidades industrias da transición enerxética e seguir avanzando para que Galicia se converta nun polo industrial de desenvolvemento do hidróxeno verde.

Conde lembrou que a Alianza está formada por 10 asociacións e clústers do sector que representan 700 empresas, centros de coñecemento, a CEG, os sindicatos, así como as autoridades portuarias da Coruña, Ferrol e Vigo e empresas tractoras como Enagás, Iberdrola, Reganosa, Navantia, Repsol ou Ence.

Entre os obxectivos que se perseguen con esta Alianza destacan identificar, informar e agrupar os diversos axentes da industria; impulsar a colaboración público-privada para desenvolver todos os segmentos da cadea de valor; deseñar ferramentas e instrumentos de apoio específicos, así como captar fondos europeos; apoiar a introdución do hidróxeno entre os grandes consumidores, a economía doméstica e a mobilidade; potenciar o seu uso; fomentar o estudo e aproveitamento dos recursos minerais autóctonos para a produción de equipos da cadea do hidróxeno; impulsar formación especializada; fomentar a investigación e o desenvolvemento; promover cambios regulatorios e impulsar a execución do corredor atlántico do hidróxeno.

Galicia xa conseguiu varios fitos ao redor do hidróxeno verde como o acceso aos fondos europeos en varios proxectos –a factoría das Pontes de Reganosa e EDP Renovables e a de Meirama, promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol, entre outros-; ou o compromiso de Enagás para impulsar o hidroduto Guitiriz-Zamora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023