A Xunta mantén o compromiso coa Administración de Xustiza para garantir un servizo moderno, accesible, áxil e eficiente

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou esta mañá na presentación das XVI Xornadas Xurídicas de Sarria Román García Varela, que se centran nesta edición nos retos do Estado de Dereito no século XXI debido á actualización constante da normativa e das tecnoloxías


Diego Calvo destacou que estas xornadas sitúan cada ano a Galicia no centro do debate xurídico a nivel estatal
 

Sarria (Lugo), 31 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe a aposta e o compromiso da Xunta pola Administración da Xustiza para facer fronte aos novos retos deste servizo e avanzar cara a unha xustiza dixital e accesible coa que garantir un servizo áxil e eficiente. Así o sinalou durante a inauguración dasXVI Xornadas Xurídicas Román García Varelade Sarria, que este ano se centran nos retos do Estado de Dereito no século XXI como a actualización constante da normativa, o avance continuo das tecnoloxías ou a adaptación do sistema ás peculiaridades de cada territorio.

Á inauguración tamén asistiron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Participaron ademais o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Rafael Mozo; os directores das xornadas, o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa e o letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela. A conferencia inaugural correu a cargo da presidenta do Consello Xeral da Avogacía, Victoria Ortega Benito.

Diego Calvo destacou na súa intervención a importancia da colaboración entre institucións para coordinar as demandas dos xulgados e incidiu no compromiso da Xunta coa dotación das infraestruturas xudiciais adecuadas. Ademais, co obxectivo de aliviar a carga de traballo dos xulgados galegos, o Goberno galego acepta todas as unidades concedidas polo Ministerio de Xustiza cada ano téndoas operativas cada 1 de xaneiro.

No marco da Comisión Mixta co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) solicítanse as que se consideran prioritarias, entre as que destaca para o próximo ano un Xulgado de Violencia sobre a Muller comarcal no partido xudicial de Santiago de Compostela.

Canto á modernización da Administración de Xustiza, destacou o obxectivo de avanzar na implantación da administración electrónica xudicial en Galicia. Trátase de dar resposta á demanda dunha xustiza cada vez máis dixital e accesible con medidas como, por exemplo, a dotación de salas de vistas dixitais en todos os xulgados galegos.

 
 

O vicepresidente segundo da Xunta incidiu ademais no nivel dos participantes nestas xornadas que acolle ata o venres o concello de Sarria e sitúan cada ano a Galicia no centro do debate xurídico a nivel estatal.

Nesta edición figuran nomes como a presidenta directora xeral da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Isabel Valldecabres Ortiz; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o expresidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o maxistrado do Tribunal Supremo, Antonio del Moral García, ou o fiscal xeral do Estado, Álvaro García-Ortiz.

A mesa redonda do venres titulada precisamente O Estado de Dereito nunha sociedade en crise, estará moderada polo vicepresidente do Tribunal Constitucional, Juan Antonio Xiol Ríos. Participarán tres cargos que ostentaron a presidencia do Tribunal Constitucional -María Emilia Casas Baamonde, Luis López Guerra e Juan José González Rivas- ademais do maxistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo, José Luis Seoane Spiegelberg.

Nestes días abordaranse outros asuntos como os medios adecuados de solución de controversias (MASC) como solución eficaz antes os problemas da xustiza, as posibilidades de reforma do sistema tributario español e as cuestións xurídicas e éticas arredor da eutanasia. No que se refire aos MASC, Diego Calvo apuntou a arbitraxe e a mediación intraxudicial como medidas alternativas e complementarias á vía xudicial que se seguirán a apoiar este ano desde o Goberno galego cunha dotación de 125.000 euros. Nesta liña, lembrou a implantación da mediación no ámbito familiar en todas as cidades galegas, así como outros proxectos de mediación pioneiros no ámbito civil, mercantil e penal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023