A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe de forma telemática na reunión da Comisión estatal para o patrimonio natural e a biodiversidade

A Xunta solicita 4,36 M€ dos orzamentos estatais deste ano para o lobo, a mesma contía que o Ministerio se negou a transferir a Galicia en 2022

O reparto definitivo decidirase na Conferencia sectorial prevista para mediados de xuño polo que Belén do Campo advirte de que o traspaso efectivo dos fondos ás comunidades se atrasará á segunda metade do ano, dificultando deste xeito a súa xestión e execución

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023

A Xunta de Galicia aspira a lograr un total de 4,36 millóns de euros dos fondos estatais reservados nos orzamentos de 2023 a previr e paliar os posibles danos causados polo lobo no sector agrogandeiro, a mesma contía que lle correspondía o ano pasado pero que o Goberno central se negou a transferirlle pola súa negativa a subscribir a nova Estratexia nacional da especie.

Así o defendeu esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen participou de forma telemática en representación do Executivo galego na reunión da Comisión estatal para o patrimonio natural e a biodiversidade, preparatoria da Conferencia sectorial de Medio Ambiente na que Goberno central e comunidades acordarán o reparto territorial definitivo.

Tras lembrar que Galicia xa remitiu a comezos de marzo a súa solicitude para optar aos fondos que o Ministerio prevé destinar este ano ao lobo, do Campo ratificou ante a Comisión estatal que a Xunta solicita 2,41 millóns de euros da partida reservada a medidas preventivas e outros 1,95 millóns para compensar ao gandeiros polos danos sufridos nas súas explotación e cabezas de gando.

En todo caso e tendo en conta que a distribución autonómica se concretará na próxima Conferencia sectorial —con convocatoria prevista para mediados deste mes—, a directora xeral aproveitou a reunión para expoñer a súa inquedanza ante o “atraso” co que o Goberno central abordará un ano máis este reparto territorial.

Neste sentido, advertiu de que o traspaso dos fondos para o lobo previstos nos orzamentos de 2023 non se poderá facer ata a segunda metade do ano o que dificultará a súa xestión e execución, algo que, segundo recordou, xa ocorrera o ano pasado, cando as primeiras transferencias efectivas se fixeron no mes de setembro.

Data de actualización: 30/05/2023