O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade presenta as novas materias enfocadas á mellora das competencias dixitais que estarán dispoñibles o próximo curso

Román Rodríguez asegura que Galicia avanza “na vangarda da educación innovadora” con dúas novas materias pioneiras centradas na intelixencia artificial

O titular de Educación do Goberno galego subliña a importancia de que a formación estea “ao servizo da cidadanía e dos avances sociais”

A este obxectivo responden as novas optativas autonómicas Intelixencia artificial para a sociedade e tecnoloxías intelixentes, que son “pioneiras no Estado” segundo destaca o conselleiro

Intelixencia artificial para a sociedade impartirase en 4º de ESO con tres horas

Tecnoloxías Intelixentes terá 4 horas semanais en 1º de Bacharelato

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta un novo paso do sistema educativo galego “cara a vangarda innovadora” a través da introdución no currículo educativo de dúas novas materias vinculadas ao coñecemento dixital e ás novas tecnoloxías e que son “pioneiras no conxunto do Estado”.

Así o expresou esta mañá con motivo da presentación das materias optativas autonómicas Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes, que se ofertarán o vindeiro curso escolar 2023-24 nas etapas de ESO e Bacharelato respectivamente. No acto, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Este reforzo do currículo desde o ámbito autonómico responde a un dos obxectivos prioritarios da Xunta en materia educativa: ofrecer as ferramentas necesarias para responder axeitadamente aos novos desafíos da sociedade. Nesta liña, o ensino “ten que transformarse ao abeiro dos cambios tecnolóxicos, prácticos e loxísticos”, afondou o conselleiro, que subliñou o “modelo de éxito galego” caracterizado por unha “evolución tranquila” renovando e ampliando plans xa consolidados e implementando outros novos “para enfrontar os desafíos de hoxe e de mañá”.

Ademais do reforzo curricular con materias específicas, neste camiño de traballo enfocado á innovación educativa, o conselleiro referiuse a outras accións como a implantación de 225 Polos Creativos en centros educativos este curso, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía STEMBach e o reforzo da formación do profesorado con accións específicas no ámbito tecnolóxico, entre outras. Tamén cómpre subliñar, no eido universitario, a implantación este curso dos novos máster e grao en Intelixencia artificial, grazas a un acordo entre as tres universidades públicas galegas.

Todas estas accións, en palabras de Román Rodríguez, “tradúcense en resultados como os do último estudo SoCiEducación 2030 onde Galicia “está no grupo de cabeza en canto a indicadores de calidade educativa, cun investimento de gasto por alumno de 7.747€ (máis de 1.200 euros por riba da media nacional). Este informe independente -realizado, entre outros, por as organizacións UXT e Comisións Obreiras- vén de confirmar a Galicia como a terceira comunidade autónoma a nivel estatal.

Intelixencia artificial

Esta materia, que se ofertará para 4º de ESO cunha carga lectiva de tres horas semanais, busca avanzar na alfabetización e na mellora das competencias dixitais dos alumnos, en liña cos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030.

O conselleiro Román Rodríguez destacou a súa “transversalidade” na medida en que “ofrece coñecementos útiles para calquera disciplina” e, ademais, cobra “particular relevancia en Galicia” tras o anuncio do establecemento na Coruña da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.  

No seu currículo introdúcense aspectos da intelixencia artificial desde unha perspectiva dos alumnos como futuros usuarios dos sistemas intelixentes. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal e coñecementos desta disciplina para que se familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.

Nesta liña, a materia estrutúrase en catro bloque: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (no que se abordarán cuestións como a ética, a sustentabilidade e os aspecto legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a internet das cousas).  

Tecnoloxías intelixentes

Tecnoloxías intelixentes ofertarase en 1º curso de Bacharelato cunha carga horaria semanal de catro sesións lectivas e está enfocada a que os alumnos “adquiran coñecementos básicos de programación, emprego de datos e de estatísticas e análise de resultados automáticos”. Román Rodríguez salientou o “enfoque práctico” desta materia a través do uso de programas de procesamento de datos.  

Así pois, o seu contido céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas, empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados obtidos por modelos automáticos.  

Paralelamente os estudantes poderán adquirirán outras competencias transversais como pode ser a resolución de problemas, a toma de decisións nun entorno tecnolóxico ou a programación en linguaxes de programación de alto nivel.

Estruturado en catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe) e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade). 

Asesoramento de expertos

Para a elaboración dos contidos de ambas materias contouse cun equipo de expertos docentes, das universidades, das empresas e da Xunta de Galicia.  

En representación dos centros educativos participaron Francisco Javier Bellas, catedrático de ciencia da Computación e Intelixencia artificial da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Francisco Fuentes, catedrático de Informática do Instituto IEs Fernando Wirtz; José Manuel Viñas, asesor do Centro de Innovación Educativa e Dixital e Sara Guerreiro, doutoranda do departamento de Ciencias da computación e tecnoloxías da información da Universidade da Coruña.

Por parte da Universidade participou Alberto Bugarín, que é o coordinador do Grao en Intelixencia artificial da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais tamén formaron parte do equipo de deseño curricular profesionais das empresas PMO NTT Data Europe & LATAM e Deloitte; así como a directora do CESGA; María José Rodríguez.

Data de actualización: 30/05/2023