A Xunta subliña que a alianza de Castrosua e BYD permitirá posicionar Galicia para que lidere a transición enerxética no transporte público

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiron esta mañá, en Santiago de Compostela, á presentación do novo autobús de Castrosua e BYD

Supón un paso decisivo para crear unha das primeiras frotas de buses 100% eléctricos que axiña estará circulando por toda España
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiron esta mañá á presentación do novo autobús de Castrosua e BYD, que se celebrou en Santiago de Compostela. Nela Conde sinalou que a alianza destas dúas empresas no eido da electromobilidade permitirá posicionar Galicia para que lidere a transición enerxética no transporte público.

Supón un paso decisivo para crear unha das primeiras frotas de autobuses 100% eléctricos que axiña estará circulando por toda España, o que é unha mostra do seu compromiso coa mobilidade sustentable e coa transición enerxética. “Esta alianza permite poñer en común a capacidade tecnolóxica de BYD e industrial de Castrosua e supón unha oportunidade para consolidar a nosa industria e a aposta que Galicia está facendo pola mobilidade sustentable”, subliñou.

Na súa intervención, Conde agradeceu a confianza que BYD -líder no desenvolvemento de sistemas de propulsión, baterías, semicondutores e sistemas de control para motores de buses eléctricos- está depositando en Galicia. Ao mesmo tempo puxo en valor a aposta de Castrosua pola innovación e a mobilidade eléctrica pois fabricou o primeiro bus híbrido con gas natural comprimido (GNC) do país e é a primeira empresa en producir autobuses con plataforma baixa.

O vicepresidente primeiro subliñou que esta alianza supón un novo fito para a automoción galega, un sector que busca estar á vangarda a partir da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade.

Data de actualización: 29/05/2023