A Xunta convoca os premios Artesanía de Galicia 2023 para recoñecer a mestría dos artesáns galegos

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases da convocatoria das tres categorías que conforman estes galardóns: Premio Artesanía de Galicia, para unha obra ou colección; Premio Traxectoria, a un artesán de dilatada carreira no sector; e Bolsa Eloy Gesto, destinada á formación de novos talentos

As candidaturas poderanse presentar entre o 18 e o 29 de setembro de 2023
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2023

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2023, co obxectivo de recoñecer a mestría e o talento no sector artesanal galego. Como en anos anteriores, os galardóns dividiranse en tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre o 18 e o 29 de setembro.

No caso da modalidade Premio Artesanía de Galicia, a solicitude deberase presentar presencialmente na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela, mentres que para as outras dúas categorías as solicitudes realizaranse obrigatoriamente a través de medios electrónicos.

Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego. Estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.  

O Premio Traxectoria 2023, de carácter honorífico, será outorgado a proposta do propio sector artesanal. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo, así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

Por outra banda, os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada co Premio Bolsa Eloy Gesto, que está dotado con 4000 euros para investir nun centro de formación de prestixio. Nesta categoría, a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización.

Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Nesta categoría poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2023.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2023