A Xunta inicia as obras de mellora das paradas de autobús no núcleo das Rañeiras, parroquia de Lestón, no concello da Laracha

Dotarase de maior seguridade e accesibilidade a contorna das paradas, instalando marquesiñas, postes, bancos e o apoio isquiático

Prestarase especial atención aos peóns e persoas con mobilidade reducida e reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna
 

A Laracha (A Coruña), 25 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora das paradas de autobús no núcleo das Rañeiras, parroquia de Lestón, no concello da Laracha, continuando cos traballos de renovación e mellora de 18 paradas que levará a cabo en estradas autonómicas ao seu paso por este municipio.  

Estas intervencións inclúense nun proxecto global para mellorar 32 paradas de autobús na estrada autonómica AC-552 ao seu paso polos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo, que suporán un investimento autonómico de 1,3 M€.

As intervencións céntranse na mellora destas 32 paradas de autobús situadas ao longo de 15 km da vía autonómica AC-552 so seu paso por estes tres municipios, co acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Nas intervencións tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

As actuacións son financiadas con fondos MRR do programa Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e, tamén, con fondos FEDER 21/27.

Intervencións

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, terase en conta a situación da parada e a súa localización óptima en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometen nas infraestruturas consisten en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras inclúen medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023