A Lei de igualdade situará Galicia á vangarda dunha nova cultura laboral co foco posto na protección da muller fronte aos contidos sexistas no medio dixital

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Pontevedra o V Congreso Márketing Dixital -Flúor organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia

Destacou a importancia de facer márketing con perspectiva de xénero para lograr unha trasnformación social adaptada ás novas realidades

O novo texto legal avoga pola creación de contornas laborais igualitarias, equitativas e inclusivas baseadas na sustentabilidade social empresarial

Lorenzana apuntou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego ofrece, entre outros, asesoramento para a posta en marcha de plans de márketing
 

Pontevedra, 26 de maio de 2023

A futura Lei autonómica de igualdade, que situará a Galicia á vangarda dunha nova cultura laboral, dedica un capítulo enteiro á igualdade de xénero e á dixitalización para dar resposta aos avances e á transformación tecnolóxica que está a vivir o mercado de traballo.

Así o destacou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na clausura do V Congreso Márketing Dixital – Flúor, que organizou o Clúster da Comunicación de Galicia en Pontevedra, e que reuníu durante dous días a decenas de profesionais e expertos para ofrecer novas ideas e perspectivas sobre a publicidade dixital, social media ou igualdade no márketing. Lorenzana puxo en valor o novo texto legal que regulará por primeira vez nunha comunidade a sustentabilidade social empresarial para crear contornas igualitarias, equitativas e inclusivas.

O anteproxecto da Lei, que se aprobou fai unha semana no Consello da Xunta, e que entrará agora no Parlamento, reforza, ademais, a protección das mulleres fronte aos contidos sexistas difundidos a través de tecnoloxías da información e a comunicación que supoñan intromisións ilexítimas no dereito fundamental á intimidade persoal ou familiar ou á propia imaxe das mulleres.

Lorenzana, así mesmo, salientou que outra das iniciativas da Consellería, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que se está a despregar por toda a xeografía galega, ofrece diferentes servizos de asesoramento a todo tipo de emprendedores, como é para a posta en marcha dos plans de márketing, en palabras da conselleria, moi necesarios para que os proxectos e os produtos chegen á xente. Na actualidade, Galicia dispón de 8 polos en activo dos 15 que conformarán toda a Rede. En Pontevedra, está en marcha o polo Pontevedra Norte-Rías Baixas, emprazado en Silleda.

Para rematar, a conselleira agradeceu a celebración do Congreso Flúor pola súa contribución a estender, difundir e afianzar a nova cultura social empresarial que consolidará neste ámbito “unha Galicia á vangarda”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023