A Xunta mantén aberto ata o vindeiro martes o prazo de presentación de solicitudes para desfrutar de vacacións familiares nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño

Cursarase unha única petición por unidade familiar, na cal se indicará a orde de preferencia das estadías e da residencia

Póñense a disposición un total de 2760 prazas e se amplían as quendas ata finais de setembro
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2023

As familias que queiran desfrutar do verán nas Residencias de tempo libre de Panxón (Nigrán) ou de O Carballiño teñen ata o martes da vindeira semana, día 30 deste mes de maio, para presentar as súas solicitudes. O procedemento para a adxudicación das prazas ofertadas pódese consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado luns 15 de maio. 

Cursarase unha única solicitude por unidade familiar, na cal se indicará a orde de preferencia no desfrute das estadías e en que residencia. Estas deberán dirixirse ás Xefaturas Territoriais de Ourense ou Vigo, en función do centro residencial que se elixa. Ademais, as peticións poderán realizarse a través da sede electrónica da Xunta

O Goberno galego conta este ano con 2760 prazas para achegarlles ás familias galegas máis posibilidades nesta campaña estival, distribuídas do seguinte xeito: 1320 prazas na Residencia de tempo libre do Panxón, en Nigrán; e 1440 na Residencia de tempo libre do Carballiño. Outra das novidades que hai nesta convocatoria é a ampliación das quendas ata finais de setembro, para aquelas familias con fillos maiores ou sen fillos que tamén queiran desfrutar destas residencias. 

Prezos e descontos

Ao igual que en convocatorias anteriores, as familias de especial consideración como as numerosas, as monoparentais, as acolledoras ou as vítimas de violencia machista terán prioridade no acceso a unha destas prazas. Ademais, a Xunta volveu adiantar publicación da convocatoria para darlle máis marxe ás familias para organizar as súas vacacións de verán.  

As familias contarán con servizo de aloxamento e de comedor para desfrutar durante a súa estancia de todas as comodidades mentres poden aproveitar o tempo de vacacións para fortalecer os lazos familiares e gozar de tempo de ocio e lecer.  

O prezo por persoa e día é de 37 euros en pensión completa, ao que se engaden descontos por nenos (dun 50%) e familias galegas de especial consideración como numerosas ou monoparentais, acolledoras ou vítimas de violencia machista (dun 30%).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2023