A Xunta aplaude a adhesión de Unións Agrarias ao protocolo do programa Retorna Cualifica Emprego para dinamizar o mercado laboral no sector primario

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, referendaron o marco de colaboración co que queren atraer talento e impulsar o retorno de galegas e galegos

Lorenzana destacou a necesidade de dotar de relevo xeracional ao sector Primario para enfrontar os retos inmediatos emanados da dixitalización e a transición verde

Anunciou que no marco do programa ‘Retorna Cualifica Emprego’ están xa a chegar á comunidade galegas e galegos do exterior para dar cobertura a vacantes para as que as empresas non atopan man de obra en Galicia
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, asinaron hoxe o protocolo de adhesión desta entidade profesional ao programa Retorna Cualifica Emprego co que unen forzas por un mercado laboral máis forte, accesible e interconectado.

Lorenzana puxo en valor deste protocolo de adhesión que teña por un dos seus principios reitores a necesidade de cubrir de forma efectiva as vacantes que existen no mercado laboral, tamén no sector Primario, retendo e captando novo talento para contribuír así, a aumentar a poboación activa de Galicia. Tamén busca recoñecer o dereito ao retorno das galegas e galegos residentes no exterior, indicou, para superar o complexo reto demográfico e proporcionar unha volta á Galicia sustentable.

O protocolo, indicou a conselleira de Promoción do Emprego, supón unha oportunidade ante unha situación coma a actual , na que a falta da man de obra en diversos sectores. “Resulta indispensable seguir traballando para casar oferta e demanda laboral, atraendo á nosa comunidade novos talentos e, en definitiva, máis poboación activa”, afirmou.

No acto de hoxe evidenciouse o peso que o sector primario ten na economía galega ao representar o 14% do Produto Interior Bruto (PIB) galego e o 16% do emprego. A conselleira  apuntou o dimensionamento das explotacións agrogandeiras, a mecanización e dixitalización e a sustentabilidade dos sistemas de produción como algúns dos retos que enfronta este colectivo que precisa, dixo, profesionais que garantan o relevo xeracional e dean continuidade a estas actividades nun futuro inmediato.

O protocolo de adhesión hoxe asinado serve como “instrumento clave” para atender a demanda de profesionais e favorecer o regreso das galegas e galegos no exterior cunha oportunidade de traballo. Desde a posta en marcha do programa o pasado mes de febreiro, xa están a chegar a Galicia as primeiras persoas traballadoras, indicou Lorenzana.

A través da adhesión de entidades como UUAA, a Xunta de Galicia contribúe a fortalecer a estrutura das empresas e a incrementar a innovación, favorecendo o desenvolvemento profesional das persoas e a excelencia operativa, defendeu a titular de Promoción do Emprego, quen se mostrou partidaria da colaboración público-privada para impulsar un mercado laboral máis dinámico na comunidade.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023