A Xunta publica no DOG a convocatoria dos actos expropiatorios dos terreos que foron necesarios na execución das obras de emerxencia de estabilización de noiros na AC-566, en Valdoviño

Trátase das intervencións tramitadas de emerxencia para a reparación dos danos ocasionados polo temporal de primeiros de xaneiro de 2023 nas estradas autonómicas, que están xa rematadas, e que supuxeron un investimento de máis de 230.000 euros

O levantamento de actas previas terá lugar o vindeiro día 5 de xuño e a formalización das actas de ocupación será o 4 de setembro, en ambos os dous casos no Casa do Concello de Valdoviño

As obras executadas comprenderon actuacións nos puntos quilométricos 13+600, 14+100, 16+000 e 16+500, en todos os casos na marxe dereita da AC-566

Instalouse malla metálica na coroación e no pé do noiro da estrada, reforzada cada 4 metros nas unións entre treitos con cable de aceiro, para evitar desprendementos á calzada
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros días 5 de xuño e 4 de setembro, dos actos expropiatorios dos terreos que foron necesarios para a executar as obras de emerxencia de estabilización de noiros na estrada AC-566, no concello de Valdoviño.

Trátase das intervencións tramitadas como obra de emerxencia para a reparación dos danos ocasionados polo temporal de primeiros de xaneiro de 2023 nas estradas autonómicas, xa rematadas e que supuxeron un investimento de máis de 230.000 euros.

A Xunta axilizou os trámites previos obrigados, co obxectivo de reparar coa maior dilixencia e celeridade os desperfectos ocasionados en estradas afectadas nas catro provincias.

Segundo recolle hoxe o DOG, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 5 de xuño, ás 11,00 horas, na casa do Concello de Valdoviño. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 4 de setembro, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace pode consultarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230526/AnuncioG0181-090523-0001_gl.html

As obras executadas

En concreto, por mor das intensas e abundantes chuvias, producíronse unha serie de desprendementos de algúns noiros na estrada AC-566. Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862). As terras e materiais pétreos invadiron as gabias e as beiravías nalgúns casos. Noutros, producíronse fendas en distintos paramentos dos noiros, que provocaron surxencias de auga.

En concreto, as obras executadas comprenderon actuacións nesta estrada autonómica, nos puntos quilométricos 13+600, 14+100, 16+000 e 16+500, en todos os casos na marxe dereita.

Como solución de protección xeral, previa retirada dos materiais desprendidos, instalouse unha malla metálica de tripla torsión fixada na coroación e no pé do noiro, reforzada cada 4 metros nas unións entre treitos con cable de aceiro, para conseguir levar a malla ata o límite da súa resistencia a tracción e dificultando así a chegada dos materiais que se podan desprender á calzada.

Ademais, onde se produciron surxencias de auga foi necesario proxectar formigón con fibras para crear un muro in situ. Para drenar a auga unha vez impermeabilizado o paramento instaláronse tubos drens co fin de reducir a presión.

Data de actualización: 26/05/2023