A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia o inicio da información pública do proxecto de interese autonómico do "Novo CHUAC"

Trátase do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do novo hospital público da Coruña, incluíndo as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade e o novo edificio hospitalario nas Xubias, ademais do espazo previsto para a reubicación de vivendas afectadas

O prazo para presentar alegacións será dun mes, a contar desde mañá

O proxecto contempla como principal ámbito de actuación Curramontes, onde está o actual complexo e se realizarán as obras de renovación e ampliación e os accesos

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de interese autonómico do Novo CHUAC.

O prazo para presentar alegacións será dun mes, contado desde mañá. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230526/AnuncioG0003-220523-0008_gl.html

Este proxecto é o instrumento urbanístico de ordenación do solo preciso para acometer as obras de urbanización e edificación, incluídos os accesos desde as principais vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario situado nas Xubias e espazo previsto para a reubicación de vivendas afectadas.

Este proxecto contempla actuacións que teñen dous emprazamentos, o primeiro na zona de Curramontes, de 11 hectáreas de superficie, onde está situado o actual complexo e onde se realizarán as obras de renovación e ampliación e os novos accesos.

Nesta contorna, disporase un novo anel viario que servirá de distribuidor dos accesos ás diferentes áreas do hospital. Construiranse dous aparcamentos soterrados, un principal e outro para urxencias e consultas externas, para solucionar os problemas de aparcamento e a conexión desde a avenida da Pasaxe (AC-12). Resérvase, ademais, unha parcela privada de 967 m2 destinada a gardería infantil.

O segundo ámbito correspóndese coa zona de Pedralonga, de 2,9 hectáreas, onde se acometerá unha urbanización residencial para facilitar o realoxamento aos afectados polas expropiacións de vivendas.

O sector está situado entre a avenida de Pedralonga/Monserrat e a avenida da Pasaxe, ao sur dos edificios do Oncolóxico, nuns terreos con suave pendente e vistas sobre a ría.

O proxecto abrangue unha rúa de nova apertura de directriz norte-sur que descolga da avenida de Pedralonga mediante un cruce á altura da futura glorieta da Fábrica de Armas. Nese ámbito, proxéctanse catro cuarteiróns onde se poderán construír 17 novas vivendas, un pequeno establecemento comercial, un equipamento público e unha zona verde.

En total, as obras do Novo CHUAC prevé unha dotación para as expropiacións de preto de 17 M€.

Co efecto de mitigar, no posible, o efecto negativo sobre os expropiados, o Proxecto de Interese Autonómico propón realizar unha urbanización residencial en Pedralonga, par dar cabida a 17 vivendas, compensando aos interesados con soares edificables co obxecto de facilitarlles unha nova residencia. Tamén se reserva unha parcela en Curramontes destinada a gardería infantil, facilitando aos propietarios da actual gardería, que será preciso expropiar, a execución dunha nova. Ademais, resérvase unha parcela en Curramontes, no núcleo de Lamadosa, para facilitar aos propietarios dunha vivenda e hostal que será expropiada a execución doutra nova onde poder manter a actividade.

Atención sanitaria a máis de 550.000 pacientes

O Novo Hospital Público da Coruña que está a impulsar a Xunta cun investimento de máis de 500 M€ busca ofrecer unha mellor resposta aos problemas de saúde dos cidadáns da Coruña e da súa área, así como unha rápida atención asistencial.

O complexo centrará a atención sanitaria da Coruña durante as vindeiras décadas, abranguendo a área sanitaria da Coruña e Cee, o que significa dar atención a máis de 550.000 pacientes.

Este proxecto multiplicará por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² .

Executarase un novo complexo hospitalario, aproveitando e reformando o actual hospital: actuando en 5.865 m² de superficie actual para as conexións cos novos edificios; dotando dun aparcadoiro integrado de case 47.000 m² e levantando novas edificacións que suporán máis de 204.000 m² de superficie construída.

Na actualidade están en avanzado estado de tramitación, tanto as obras de demolición do actual hotel do doente, como as de construción da torre polivalente, a primeira edificación icónica do Novo CHUAC, que, en ambos os casos, se licitarán en xuño.

Cómpre sinalar que xa foron resoltas favorablemente as tramitacións ambientais tanto do proxecto de interese autonómico como do proxecto de viario e accesos.

A Xunta tamén licitará en xuño o contrato de concurso e obra, a redacción do proxecto construtivo e de execución dos accesos, que suporán un investimento estimado en máis de 25 M€.

Data de actualización: 26/05/2023