O conselleiro de Sanidade remarca o traballo imprescindible e clave que realizan os técnicos en coidados auxiliares de enfermería

Na actualidade, o Sergas ten en marcha convocatorias para estabilizar máis de 1.000 prazas de técnicos de coidados auxiliares de enfermería

O titular da carteira sanitaria interveu no acto de clausura da I Xornada de técnicos en coidados auxiliares de enfermería da área sanitaria de Vigo

Vigo, 25 de maio de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no Hospital Álvaro Cunqueiro, “o labor imprescindible e clave na sanidade que realizan os técnicos en coidados auxiliares de enfermería, unha profesión que está na primeira liña de actuación cos pacientes”. Así o dixo na clausura da I Xornada de técnicos en coidados auxiliares de enfermería da área sanitaria de Vigo, acto no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente Prieto.

 

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria, o Sergas reforzou os cadros de persoal destes profesionais nos últimos anos con máis de 300 prazas, pasando das 4.970 en 2019 ás máis de 5.270, e están sendo fundamentais na posta en marcha do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, que implica a creación de 42 prazas desta categoría, especializadas en saúde mental.

 

Para seguir avanzando no camiño de reforzo desta categoría, Comesaña incidiu en que o Sergas ten en marcha convocatorias para estabilizar máis de 1.000 prazas destes profesionais.

 

Tamén remarcou o traballo que fan do manexo, mantemento e hixienización de aparellos e materiais, “labor clave que levan a cabo en moitas unidades de hospitalización”. Ao respecto, puxo en valor a cada vez máis frecuente aparición dos técnicos en coidados auxiliares de enfermería nos grupos de traballo que elaboran documentos que marcan pautas a seguir en todo o Sergas, e como exemplo citou a Guía para a normalización dos procesos nas centrais de esterilización.

 

Comesaña destacou, igualmente, o labor que fan en labores de divulgación, como os vídeos de cambios posturais e transferencias de pacientes, a disposición de profesionais e da cidadanía.

 

Esta capacidade de seguir avanzando, esa rigorosidade na técnica profesional e a busca da humanización e da transmisión de valores vense claramente reflectidos nesta primeira xornada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023