A Xunta e a Universidade de Vigo presentan un vídeo para concienciar sobre a función dos insectos polinizadores e a necesidade da súa preservación

A Illa dos polinizadores é unha peza audiovisual enmarcada no proxecto LIFE insular, que ten como fin a restauración integrada dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora

A produción desta curta recibiu unha subvención de 6.000 € con cargo á orde de axudas para intervir na área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas
 

Vigo, 25 de maio de 2023

Esta mañá foi presentado no Centro de Visitantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia o vídeo A Illa dos polinizadores, producido pola Universidade de Vigo (UVigo) en colaboración coa Xunta e elaborado a partir do cómic de mesmo nome, realizado por Luis Navarro, Iván Arós e Sophie Drescher.

Trátase dunha curtametraxe de animación realizada co apoio e asesoramento do equipo Divulgare do departamento de Bioloxía da UVigo, integrado por Míriam Álvarez, entre outros, que ten como obxectivo dar a coñecer o papel que xogan os insectos polinizadores no medio ambiente e concienciar sobre a importancia da súa conservación. Ademais da peza audiovisual, tamén foi presentada unha exposición itinerante co mesmo fin.

As dúas iniciativas enmárcanse no proxecto LIFE insular do que forma parte a Comunidade galega e que, en consonancia co vídeo e a exposición, traballa pola preservación dos hábitats insulares de Cíes, Ons e Sálvora, así como pola minimización das perturbacións externas que poidan sufrir estas zonas.

Cómpre salientar que esta iniciativa foi subvencionada con 6.000 euros procedentes da convocatoria de axudas de 2022 na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional das Illas Atlánticas, destinadas a apoiar accións de coidado dos espazos que o compoñen ou, como é este caso, á divulgación sobre a importancia de preservar os seus valores e a súa diversidade natural.

Data de actualización: 25/05/2023