A Xunta redobra a súa aposta pola igualdade laboral co reforzo do marco legal, a formación e as achegas para que as empresas implanten medidas de benestar

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nun seminario da Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) sobre plans de igualdade e transparencia salarial no eido da empresa

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe no seminario Plans de igualdade e transparencia salarial na empresa, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), onde puxo en valor o traballo que a Xunta de Galicia está a despregar no eido da regulación, a formación, e das achegas para que o tecido produtivo galego avance na conformación de plans de igualdade como ferramenta para acadar a sustentabilidade social empresarial.

Tal e como debullou Mancha, a comunidade está a investir este ano máis de 2,3 millóns de euros para favorecer a implantación dos plans, as medidas de flexibilización horaria e teletraballo entre as pequenas e medianas empresas, así como para que se constitúan gabinetes de igualdade e se favoreza a negociación colectiva e o diálogo social ao respecto.

A formación en igualdade laboral, nomeadamente a través do campus virtual que a Consellería de Promoción do Emprego mantén aberto, constitúe outra das grandes apostas nun momento no que o benestar laboral permite atraer e reter talento, especificou a directora xeral.

Cerca de 3.000 persoas xa recibiron cualificación grazas aos cursos básicos (9 edicións) e avanzados (4 edicións) en materia de igualdade laboral, especificou Mancha, aos que cómpre engadir, indicou, o aproveitamento doutras formacións sobre acoso sexual, protección da integridade sexual, ou os impartidos por asociacións e outras entidades.

Nova Lei de Igualdade

Elena Mancha situou a Galicia como comunidade referente no eido da lexislación ao incluír na nova Lei de igualdade, que en breve iniciará a súa tramitación parlamentaria, conceptos recentes e modernos como a sustentabilidade social empresarial. Trátase, segundo indicou, de impulsar esta nova filosofía de traballo como acicate “para que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero e a creación de equipos diversos, mellorando a súa competitividade e converténdose en polos de atracción e retención do talento”.

“A comunidade galega será así a primeira administración do Estado en regular este concepto, co que aspira a modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial”, dixo Mancha.

Galicia está a asentar un marco legal no que encaixarán medidas xa implantadas e se incorporarán outras en consonancia coas novas necesidades. A nova lei de igualdade, afirmou a directora xeral, “quere avanzar na mellora da calidade de vida e das condicións laborais das persoas traballadoras” grazas á implementación dos factores que leva parellos a sustentabilidade social empresarial como son a conciliación da vida laboral e familiar, a implementación de plans de igualdade nas empresas, o fomento do emprego feminino de calidade, a formación en igualdade laboral e habilidades dixitais ou a prevención de riscos con perspectiva de xénero.

Data de actualización: 25/05/2023