O Consello da Xunta analiza o informe sobre o decreto de prezos públicos por servizos académicos que se aprobará o próximo mes de xuño

Rueda avanza que a Xunta conxelará por décimo terceiro ano consecutivo os prezos das matrículas universitarias

Destacou que o vindeiro curso os estudantes galegos van pagar polas taxas universitarias “o mesmo que se pagaba no 2011”

Os prezos medios de todas as matrículas sitúanse en 11,89 €/crédito, exactamente igual que ata o de agora

Resalta que isto supón un aforro de “entre 16 e 20 millóns de euros” ás familias galegas cada ano

Subliña que Galicia foi pioneira nesta política de contención das taxas universitarias que agora replican outras comunidades
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai manter conxelados os prezos das matrículas universitarias cara o vindeiro curso académico 2023-2024, o que supón continuar coa política de contención de taxas que o Goberno galego leva aplicando desde hai 13 anos. Isto, asegurou, sitúa un ano máis a Galicia como a comunidade cas taxas universitarias máis baixas do país.

Rueda resaltou que Galicia foi pioneira na conxelación dos prezos universitarios hai máis dunha década e en apostar por un modelo que agora están a replicar outras comunidades. “Hai trece anos que os prezos de matrícula son exactamente os mesmos. É dicir, os estudantes galegos pagan de taxas universitarias o mesmo que pagaban no ano 2011”, destacou o presidente.

O Consello avaliou hoxe un informe sobre o proxecto decreto polo que se fixarán os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o vindeiro curso. Nel establécese que, por décimo terceiro ano consecutivo, os prezos das matrículas universitarias para graos ou másteres nas tres universidades públicas galegas vanse manter conxelados, ”o que supón un aforro de entre 16 e 20 millóns anuais para as familias galegas”, segundo subliñou o presidente. Rueda indicou que, desde 2011, o aforro acadado aos fogares galegos ascende “a 230 millóns de euros”.

As taxas universitarias mantéñense invariables, cun prezo medio de 11,89 €/crédito para todas as primeiras matrículas de grao e de máster non habilitantes (enfocados á especialización de coñecemento ou á investigación científica) e habilitantes (necesarios para exercer unha profesión). Isto fai que Galicia sexa a comunidade máis barata do Estado nos estudos de máster non habilitante e a segunda no caso dos graos e de máster habilitante (tan só superada por Canarias a moi pouca distancia).

Esta medida supón un aforro de entre os 215,40 €/curso de aforro para un estudante de grao, os 236,40 €/curso para un estudante dun máster habilitante e os 962,40 €/curso no resto de máster universitarios.

Matrículas de grao

No caso das matrículas de grao, o prezo medio manterase por décimo terceiro ano consecutivo en 11,89 €/crédito, o que supón un aforro de 3,59 euros con respecto aos 15,48 €/crédito de media de España, o que sitúa a Galicia como a segunda comunidade más barata tras Canarias.

As de grao acaparan o 88 % do total de matrículas do Sistema Universitario Galego, polo que, con esta conxelación de taxas, un estudante galego de grao pode aforrar, con respecto á media de España, un total de 215,40 euros ao curso en matrículas.

Matrículas de máster

No que atinxe aos másteres, de cara ao vindeiro curso mantéñense conxeladas de novo as taxas dos másteres habilitantes e non habilitantes, tamén cun prezo medio de 11.89€/crédito.

No caso dos másteres habilitantes (necesarios para exercer unha profesión), Galicia ocupa o segundo lugar con prezos máis baratos tras Canarias. A taxa media de matrícula para estes estudos mantense nos 11,89€/crédito (igual que os de grao e máster non habilitante), cun aforro de 3,94 € con respecto ao prezo medio do Estado, que se sitúa nos 15,83 €/crédito. Isto fai que as familias galegas cuxos fillos cursen o vindeiro ano un máster habilitante nalgunha das universidades públicas galegas aforren unha media de 236,40 euros por curso en comparación coa media de España. As matrículas nesta modalidade representan o 4 % do conxunto do sistema.

No caso dos másteres non habilitantes, Galicia é a comunidade máis económica, cun prezo medio de 11,89 €/crédito, polo que o aforro medio para o vindeiro ano para un estudante galego será de 16,04 €/crédito con respecto á media estatal (situada en 27,93 €/crédito), o que sumará un aforro por alumno de 962,40 €/ano. O alumnado que cursa este tipo de máster non habilitantes representa o 7,76 % do sistema. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023