Martina Aneiros destaca o espírito emprendedor dos mozos de Ferrolterra na entrega de premios do certame Emprende Xove-Minimarket de AJE

Ferrol, 25 de maio de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá á entrega de premios da novena edición do certame Ferrolterra Emprende Xove-Minimarket organizado pola asociación AJE Ferrolterra e que congregou a máis de 130 alumnos da ESO, Bacharelato e FP de nove centros educativos da cidade no Auditorio municipal.

Á convocatoria, que pretende impulsar o espírito emprendedor entre os máis mozos a través da presentación de iniciativas empresariais innovadoras, viables economicamente e sostibles, concorreron un total de 34 proxectos.

Aneiros, que participou tamén como membro do xurado, foi a encargada de entregar o galardón ao mellor proxecto empresarial na categoría FP que recaeu no proxecto Xogo Toloca Ferrolterra, do IES Terra de Trasancos. Tamén resultaron premiadas as propostas It Frigde, do CPR Cristo Rey (mellor proxecto na categoría de ESO e Bacharelato), Maruxa Tattoos, do CPR Santa Juana de Lestonnac (accésit ao mellor proxecto por votación popular) e EDF Estanterías, do CPI A Xunqueira (accésit ao mellor proxecto en innovación).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023