Lorenzana presenta nas oficinas de emprego de Boiro e Noia os novos servizos que mellorarán a atención ás persoas demandantes de emprego con máis dificultade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade mantivo un encontro co persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia en ambas as dúas dependencias que o ano pasado atenderon máis de 15.200 persoas

Estes recintos implantarán o sistema de intelixencia artificial ‘EMI’ que permitirá axustar os perfís das persoas desempregadas ás demandas do mercado laboral

Un total de 4 orientadores traballarán en Boiro e Noia para desenvolver o programa de seguimento intensivo da demanda e acompañar, de xeito personalizado, ás persoas usuarias con maiores dificultades para empregarse

Boiro (A Coruña), 23 de maio de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as oficinas de emprego de Boiro e Noia para presentar os novos sistemas que este departamento da Xunta implantará no servizo galego de emprego. A Administración autonómica está a acometer un ambicioso proceso de modernización que, entre outras vantaxes, permitirá mellorar o encaixe entre quen demanda traballo e o persoal que necesita o tecido produtivo e brindar atención personalizada aos colectivos con maiores dificultades.

Lorenzana incidiu en que o Goberno autonómico está a fixar a atención nas persoas usuarias destas oficinas que presentan maiores problemas para atopar traballo. Faráselles, tal e como lembrou, un seguimento intensivo para que reciban atención personalizada grazas á nova rede de 136 profesionais -4 destinados en Boiro e Noia- que veñen de asumir as tarefas de orientación e prospección laboral.

Entre outras funcións, relatou a conselleira, estes orientadores asumirán o desenvolvemento do novo programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a usuarios inscritos no Servizo de Emprego de Galicia. O programa porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.  

A titular de Promoción do Emprego, por outra banda, destacou a implementación, xa neste mes de maio e con carácter piloto en tres oficinas (Cambados, Pontevedra e Ordes), da nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente). Baseada na intelixencia artificial permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público.

Tratarase, tal e como subliñou, de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada en prol da xeración de máis e mellor emprego en Galicia.

A oficina de emprego de Boiro, situada na avenida da Constitución, e a oficina de Noia -delegada da primeira e sita na avenida República Arxentina-, rexistraron o ano pasado 11.668 e 3.546 citas respectivamente, cun total de persoas usuarias atendidas que supera as 15.200 no período.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2023