A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asinaron hoxe o convenio de colaboración para executar as actuacións

A Xunta e o Concello de Lousame colaboran para dotar de saneamento e depuración cinco núcleos do municipio mediante un investimento 1,1 M€

O obxectivo é garantir un servizo axeitado á poboación dos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e a parte do núcleo de Croído
 

Executarase unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos cara a unha nova depuradora, que se construirá na zona do rego Pesqueira
 

As obras teñen un prazo de execución de 9 meses e permitirán dotar deste servizo a un total de 382 persoas destes cinco núcleos
 

A Xunta asumirá o 80 % do financiamento cun investimento de máis de 887.000 euros e licitará e executará as obras, mentres o Concello achegará o 20% restante e realizará os trámites administrativos pertinentes, xunto coa posta á disposición dos terreos
 

Lousame (A Coruña), 24 de maio de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou esta mañá coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, un convenio de colaboración para dotar de saneamento e depuración cinco núcleos do municipio mediante un investimento de 1,1 millóns de euros.

O acto administrativo de rúbrica do convenio, que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Lousame, senta as bases da colaboración técnica e económica entre as administracións autonómica e local para dotar de servizo de saneamento e depuración de augas residuais a distintos núcleos de poboación da parroquia de San Xoán de Lousame que na actualidade non contan cun sistema axeitado.  

Vázquez Mourelle concretou que se trata de resolver esta situación e garantir un sistema de saneamento eficiente aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e a parte da veciñanza do núcleo de Croído. Para facelo posible, executarase unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos para conducilas cara a unha nova depuradora, que se construirá na zona do rego Pesqueira, na parcela proposta polo Concello.

Tras a sinatura continuarase cos trámites administrativos necesarios: a licitación e adxudicación das obras da nova depuradora e da rede de saneamento, cun prazo de execución de 9 meses, tan pronto o Concello achegue a certificación de realización dos trámites correspondentes, que xa está a levar a cabo.  

O obxectivo é que a rede de colectores e a nova estación depuradora, que suporán un investimento conxunto de Xunta e Concello de 1,1 millón de euros e que permitirán dotar deste servizo a un total de 382 persoas destes núcleos, estean rematadas o antes posible.  

Segundo recolle o texto do acordo selado hoxe, a administración autonómica comprométese a contratar e executar as obras e financialas achegando o 80% do orzamento, para o que destinará un investimento de máis de 887.000 euros.  

Pola súa banda, o Concello de Lousame contribuirá coa cantidade restante, poñendo o 20%, algo máis de 221.000 euros. Ademais, comprométese a realizar os trámites administrativos pertinentes, sometendo o proxecto a información pública e poñendo a disposición os terreos necesarios para a execución das obras, uns trámites nos que xa ten avanzado.  

As obras consistirán na construción dun colector na marxe esquerda da estrada provincial (DP-4201), na intersección de Croído, e outro na zona do campo de fútbol da Silva.

Tamén se executará un pozo de bombeo na Costa, que recollerá as augas residuais de 3 destes núcleos (Berrimes, As Quintáns e A Costa), impulsándoas cara ao colector nesa zona para logo levalas á nova depuradora. 

A nova depuradora estará dotada con pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada.  

O convenio asinado hoxe enmárcase na vontade de ambas as administracións, autonómica e local, de sumar esforzos e colaborar co fin de mellorar un servizo básico municipal, como é o saneamento, axudando e colaborando a Xunta ao Concello de Lousame en competencias que lle son propias, para garantir máis e mellores servizos da auga aos seus veciños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2023