O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe unha zona na que xa se están a executar este tipo de traballos

A Xunta xestionará a biomasa nas franxas secundarias preto das vivendas do concello de Lobios, onde se actuará en case 375 hectáreas para anticiparse aos incendios forestais

Esta localidade ourensá é un dos municipios piloto onde se xestionará a totalidade das faixas próximas ás vivendas, neste caso, distribuídas nunhas 9.000 parcelas e das que preto de 60 hectáreas xa foron contratadas a Seaga para a súa limpeza

O labor dentro do convenio de defensa das aldeas fixo posible a inspección de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas entre 2021 e 2022, cunha superficie xestionada que pasou de representar a metade no 2019 a superar o 70 % no 2022

Lobios (Ourense), 24 de maio de 2023 A Xunta prevé xestionar a biomasa na totalidade das franxas secundarias preto das vivendas do concello de Lobios, establecido como concello piloto ao abeiro do convenio de defensa das aldeas, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe realizou unha visita á zona na que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola alcaldesa da localidade, María del Carmen Yáñez.   

Segundo explicou González, xestionaranse case 375 hectáreas preto das casas, distribuídas nunhas 9.000 parcelas, e engadiu que preto de 60 hectáreas xa foron contratadas a Seaga para a súa adecuada xestión. O conselleiro lembrou que o principal obxectivo do devandito convenio é apoiar os particulares e os municipios no seu cumprimento da normativa sobre prevención de incendios, pero que a Xunta “quixo ir máis alá” e por iso se planificaron estas actuacións integrais en concellos piloto. 

Nesta liña, o conselleiro enmarcou estes labores no Plan preventivo impulsado pola Xunta e que estará en vigor ata marzo de 2024. Esta planificación -recordou González- prevé actuar cando menos en 60.000 hectáreas e nuns 5.600 quilómetros de vías, ademais de en máis de 4.800 puntos de auga, en toda a xeografía galega.

Neste contexto, o titular de Medio Rural salientou como novidade este ano a posta a disposición dun visor de faixas secundarias de xestión de biomasa (as que rodean as vivendas), accesible para toda a cidadanía. Mediante esta ferramenta é posible visualizar as devanditas faixas daqueles concellos que teñan o plan de prevención de incendios aprobado. Desta forma, calquera persoa poderá comprobar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e área afectada pola faixa. 

Convenio coa Fegamp e Seaga

En relación co convenio asinado coa Fegamp e Seaga, José González puxo en valor o feito de que entre 2021 e 2022 se inspeccionaran preto de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias e que a superficie xestionada -ben polos propietarios, ben de xeito subsidiario- pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70 % en 2022.

Ademais, o conselleiro destacou que xa están adheridos a este acordo o 89 % dos municipios galegos (279 en total), entre eles o de Lobios. E valorou, así mesmo, que este municipio ourensán tamén foi pioneiro na implicación da sociedade civil nestas tarefas de prevención do lume. Así, foi o primeiro concello en beneficiarse da repartición de equipamento preventivo, neste caso entregado á Asociación Xuresianos/Geresianos (Axuge). A posibilidade de achegar este material está contemplada no convenio, cando nos municipios -como neste caso de Lobios- existan iniciativas veciñais que contribúan ao cumprimento das medidas preventivas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2023