A Xunta adxudica por máis de 1,3 M€ as obras de mellora de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade da Coruña

Estas intervencións permitirán actuar nas paradas correspondentes á zona oeste de acceso á cidade situadas en 6 estradas autonómicas ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños

Acondicionaranse 26 paradas en Arteixo, 3 na Coruña, 13 en Culleredo, 9 en Carballo, 2 en Cerceda, 1 en Malpica e 2 en Ponteceso

Os traballos inclúen a mellora da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas, a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023 A Xunta vén de adxudicar por máis de 1,3 M€ as obras de mellora da accesibilidade e conectividade de 55 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas ao paso das rutas de acceso á  Coruña. 

As actuacións foron adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas S.L. e o contrato correspondente será formalizado nos vindeiros días. 

Estas intervencións permitirán actuar nas paradas correspondentes á zona oeste de acceso á cidade Coruña situadas en 6 estradas da titularidade da Xunta ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños. 

Máis concretamente, a través deste contrato melloraranse as paradas situadas nas estradas autonómicas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552. Concretamente, no concello de Arteixo, melloraranse 26 paradas; na Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2.  

As intervencións consistirán no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.  

Tamén se inclúe a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas para protexer aos usuarios onde haxa desniveis. 

Estas tarefas enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento previsto de arredor de 35 M€.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2023