A Xunta mantén unha xuntanza cunha delegación de Wakayama para avanzar nos actos do 25 aniversario do irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro coa delegación de Prefectura de Wakayama esta mañá na sede da Axencia de Turismo

O Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo son dúas das rutas de peregrinación máis importantes do mundo, protexidas pola Unesco co recoñecemento de Patrimonio Mundial

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o responsable da S.A Xacobeo, Ildefonso de la Campa, mantiveron un encontro cunha delegación da prefectura de Wakayama para avanzar nos actos de celebración do 25 aniversario do irmandamento entre  o Camiño de Santiago e Camiño de Kumano Kodo.

Durante o encontro, propúxose levar a cabo unha serie de accións conxuntas entre Galicia e a prefectura de Wakayama para a celebración do aniversario do acordo entre a Xunta de Galicia e a prefectura de Wakayama para o irmandamento entre  ambos Camiños. Ademais, no 2024, o Camiño de Kumano Kodo celebrará o 20 aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO. 

O Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo son dúas das rutas de peregrinación máis importantes do mundo, protexidas pola Unesco co recoñecemento de Patrimonio Mundial. As rutas irmandáronse en 1998, dando comezo a unha intensa relación que contribuíu a incrementar os lazos entre os país Nipón e Galicia.

Esta reunión forma parte do traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia para impulsar as relacións internacionais apoiando e reforzando os contactos con administracións e axentes estranxeiros para reforzar así a difusión da cultura xacobea no mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2023