A Xunta recibe 4 ofertas para executar a mellora do firme en 5 estradas da provincia de Ourense ao seu paso por 17 concellos, que suporá un investimento de máis de 3,6 M€

Intervirase nunha lonxitude de máis de 120 km de vías autonómicas con actuacións puntuais nas estradas OU-193 e OU-801 en Cortegada, na OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo e demais concellos da traza, na OU-412 e na OU-101

A previsión é iniciar os traballos na segunda quincena de xullo para telos rematados a finais deste mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses

As intervencións na estrada OU-536 darán resposta aos problemas relacionados co estado do firme na ponte de Xunqueira de Espadanedo, actuando nun treito de 5,5 km da vía ao seu paso polo municipio cun investimento de 471.000 €
 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 20

23 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir un total de 4 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas da provincia de Ourense ao seu paso por 17 concellos, que suporán un investimento de máis de 3,6 M€.

 

Trátase de actuar na mellora e acondicionamento do firme das estradas OU-193 e OU-801 en Cortegada, a OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo e demais concellos da traza, na OU-412 e na OU-101.

 

Os traballos recollidos neste contrato consisten na rehabilitación superficial do firme para actuar puntualmente nunha lonxitude de máis de 120 km de vías autonómicas, mediante fresado, de 5 ou 10 centímetros de espesor, segundo o grado de deterioro existente, a reposición da capa de rodaxe e o repintado da sinalización e marcas viarias nestas cinco vías autonómicas ao paso por 17 municipios da provincia.

 

En concreto as actuacións realizaranse nestas cinco vías autonómicas ao seu paso polos concellos da Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Cortegada, Esgos, Maceda, Melón, Montederramo, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Parderne de Allariz, Padrenda, Pontedeva, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río e Xunqueira de Espadanedo.

 

A previsión é iniciar as obras de mellora do firme na segunda quincena de xullo para telas rematadas a finais deste mesmo ano, xa que os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

 

Estas actuacións de mellora do firme teñen como obxectivo contribuír ao incremento da seguridade viaria e á mellora da mobilidade.

 

No caso específico da estrada OU-536, que une Ourense e A Pobra de Trives, os traballos permitirán dar resposta á preocupación trasladada desde o Concello de Xunqueira de Espadanedo polo estado de conservación do firme na ponte.

 

Así, tras realizar as inspeccións necesarias, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas constataron que esa ponte sobre a OU-536 en Xunqueira de Espadanedo non presenta ningún problema de tipo estrutural, se ben o firme está deteriorado, cunha rodeira importante que está sinalizada para permitir o tránsito en condicións de seguridade, polo que se considera prioritario actuar nese punto.

 

Deste xeito, a través deste contrato darase resposta aos problemas identificados na ponte, relacionados co estado do firme. Concretamente, no caso da estrada OU-536 ao seu paso por este municipio, mellorarase o firme nun treito de 5,5 km cun investimento de 471.000 €.

 

De igual modo, no municipio de Cortegada actuarase no marco deste mesmo contrato no reforzo de firme das estradas autonómicas OU-193 e OU-801. Actuarase, en total, en algo máis de 11 km ao seu paso polo municipio cun investimento de 541.000 €. Neste caso, os traballos consistirán na reposición completa do firme en 2 km da estrada OU-193, que quedou pendente dunha intervención anterior; e tamén en completar a reparación do firme da estrada OU-801, tras os traballos levados a cabo o pasado ano.

 

Ademais das actuacións nas vías OU-193 e OU-801 en Cortegada, e da estrada OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo e demais concellos da traza, actuarase tamén nas vías OU-412 e OU-101.

 

No caso desta última estrada, a OU-101 que une Ourense con Maceda, levarase a cabo o reforzo do firme e tamén unha mellora da seguridade viaria no primeiro quilómetro do treito urbano, no concello de Ourense.

 

En concreto, actuarase en varios pasos de peóns para reforzar a seguridade, coa instalación de sinalización adicional, a dotación de iluminación específica, con luminarias led, ou semaforización, completando as actuacións coa dotación de pequenos treitos de beirarrúas, coa limpeza e reperfilado das marxes da estrada ou a execución de gabias de seguridade.

Data de actualización: 24/05/2023