A Xunta inicia as obras de reforzo de firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro, que suporá un investimento de máis de 1 M€

Os traballos comezaron pola AC-308 en Lousame, facendo necesario o corte do tráfico en días laborables ata o xoves día 8 de xuño

O corte non afectará aos residentes e ao servizo público de autobús durante as xornadas de traballo e restablecerase a circulación normal ao final de cada día laboral

As intervencións consisten en realizar fresados e reposicións do firme con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal
 

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

A Xunta iniciou a execución das obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro.

 

As actuacións, que supoñen un investimento de máis de 1 M€, comprenden o acondicionamento do firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, que discorren por estes concellos da provincia da Coruña.

 

As tarefas de rehabilitación do firme concéntranse, neste inicio, no tramo da AC-308 no concello de Lousame e fan necesario o corte total da circulación durante as xornadas laborables, agás aos residentes e ao servizo público de transporte de autobús.

 

O corte, que está debidamente sinalizado, prolongaranse ata o remate dos traballos, previsto para o xoves día 8 de xuño.

 

En concreto, o horario destes cortes só será efectivo en días laborables: de luns a xoves en horario de 09,00 a 19,00 horas; e os venres entre as 09,30 e as 13,00 horas. Polo tanto, a circulación restablecerase ao final de cada xornada.

 

Os traballos obxecto deste contrato consisten en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

 

O conxunto dos traballos previstos nas tres estradas da provincia da Coruña contan cun prazo de execución total de 6 meses, polo que o obxectivo é telos rematados neste mesmo ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2023