A directora xeral de FP participa no encontro territorial do Plan Conecta FP, que se celebra no CIFP Valentín Paz Andrade

A Xunta reúne os empresarios da área de Vigo para definir unha oferta de FP de máxima empregabilidade a través do Plan Conecta

Preto de 16.500 alumnos estudan algún dos 342 programas e ciclos que se imparten nunha vintena de concellos da provincia

Eugenia Pérez subliña a calidade e o prestixio social que teñen na actualidade os ciclos formativos, cun 46 % máis de matriculados na última década na área de Vigo, así como a confianza que teñen das empresas

Vigo, 23 de maio de 2023

A Xunta de Galicia reúne en Vigo arredor de 150 persoas entre docentes e representantes de firmas empresariais e de centros educativos para afondar na definición dunha oferta de Formación Profesional enfocada á máxima empregabilidade a través do Plan Conecta FP que está a desenvolver a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou esta mañá neste encontro territorial, no que estiveron representadas empresas como Stellantis ou Zendal, entre outras. Na súa intervención, a representante da Consellería subliñou a fortaleza e as perspectivas de futuro destas ensinanzas que actualmente cursan case 16.500 estudantes en 342 programas formativos nos 50 centros educativos sostidos con fondos públicos nunha vintena de concellos da provincia. De feito, a matrícula en ciclos formativos nesta zona aumentou un 46% na última década, o que pon de manifesto “o interese” dos mozos por esta modalidade formativa “avalada pola calidade e o prestixio”, salientou Eugenia Pérez.

O obxectivo da xuntanza, na que participaron representantes do sector produtivo, con especial participación de autónomos e pemes, é definir as necesidades de centros e empresas, de cara a elaborar unha oferta formativa de máxima empregabilidade que cubra, ao tempo, as necesidades do tecido produtivo.

Creación de 9.500 prazas

O celebrado esta mañá no CIFP Valentín Paz Andrade é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas de FP, ademais doutros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

 

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Programa da xornada

Xunto coa directora xeral, interveu na apertura da xornada o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros. Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo da subdirectora xeral de FP, Cristina Lesta. Ao longo do día desenvólvense tres mesas de traballo sobre as posibilidades de colaboración entre a FP e as empresas do seu contorno produtivo, analizando as opcións concretas da FP Dual; sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral futuro, e arredor das necesidades do sector produtivo. Nelas participan tanto representantes de centros educativos como de empresas.

Data de actualización: 23/05/2023