A Xunta inicia a tramitación da parcelaria de Retizós, en Baleira, para reorganizar unha superficie próxima ás 600 hectáreas

En Baleira, entregáronse os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Fonteo, que afectou a unha superficie de 145 hectáreas, pertencentes a 112 veciños

Baleira (Lugo), 23 maio de 2023

A Xunta inicia a tramitación da parcelaria de Retizós, en Baleira, para reorganizar unha superficie de 583 hectáreas distribuídas en 1.661 parcelas de 178 propietarios. Así llo comunicou o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, ao alcalde da localidade lucense, Ángel Martínez-Puga, na súa recente visita á zona.

Así, cabe lembrar que veñen de entregarse os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Fonteo, tamén en Baleira, que afectou a unha superficie de 145 hectáreas, pertencentes a 112 veciños. Neste caso, pasouse de 544 predios a 199 parcelas finais, co que a superficie media das parcelas case se triplicou, ao pasar de 2.697 a 7.304 metros cadrados.
 
Deste xeito, desde o ano 2020, a Xunta rematou un total de 27 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.700 hectáreas, beneficiando máis de 13.200 propietarios que recibiron preto de 29.300 títulos de propiedade. Así mesmo, dende o ano 2021 decretáronse 28 novas parcelarias en Galicia, que abranguen un total de 22.881 ha e 109.949 parcelas de 16.098 titulares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2023