A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe os dous centros deste tipo que están en funcionamento en Larouco

A Xunta seguirá a estender as casas do maior e as casas niño a máis concellos galegos

Estanse a resolver as axudas para a posta en marcha de novas casas niño e hoxe mesmo remata o prazo para solicitar fondos para a creación de máis casas do maior

Larouco (Ourense), 22 de maio de 2023

A Xunta seguirá a estender a máis concellos as casas niño e as casas do maior, fundamentais tanto para a conciliación das familias como para o coidado dos nenos e dos maiores. Así o indicou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que esta tarde visitou os dous centros deste tipo que hai en Larouco, onde recordou que nestes momentos estanse a resolver as axudas para a posta en marcha de novas casas niño e que hoxe mesmo remata o prazo para solicitar fondos para a creación de máis casas do maior.

 

Fabiola García, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, destacou que as casas niño e as casas do maior son un servizo útil e de éxito, que facilita a vida das familias. Así mesmo, apuntou que constitúen unha aposta en firme do Executivo autonómico para un rural máis vivo, con servizos e no que vivir e formar unha familia.

 

Ademais, a conselleira agradeceu á alcaldesa de Larouco, Patricia Lamelas, e ás dúas mulleres que están a fronte destes dous equipamentos a posta en marcha dos mesmos, para o que contaron co apoio da Xunta.

 

O Goberno galego impulsa as casas niño desde o no ano 2016 para que a conciliación en concellos sen escola infantil sexa posible e para crear novas posibilidades laborais neses municipios. En 2019, creáronse as primeiras casas do maior para que aqueles lugares sen un servizo para os maiores, contasen cun recurso de atención diúrna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023