Lorenzana sinala que a nova Lei de igualdade de Galicia impulsará unha nova cultura empresarial co foco posto no benestar laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na posta en marcha do proxecto piloto Real Impact para impulsar o liderado das mulleres directivas

Destacou que a nova normativa, que inicia agora a súa tramitación parlamentaria, favorecerá a igualdade de oportunidades e regulará por primeira vez o concepto de sustentabilidade social empresarial

A Lei avoga pola conciliación da vida privada e laboral, polo reforzo de medidas contra a violencia e o acoso no traballo e, en definitiva, polo benestar laboral

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe, no arranque do proxecto piloto Real Impact de impulso ao liderado das mulleres directivas, que a nova Lei de igualdade de Galicia regulará por primeira vez a nivel autonómico o concepto de sustentabilidade social empresarial: un modelo de xestión integral a longo prazo, de obrigado cumprimento segundo establece a Unión Europea, que pretende acadar o crecemento sustentable, ético e equilibrado das empresas, integrando plenamente a dimensión económica, medioambiental e social.

A Xunta de Galicia será a primeira administración do Estado en regular este concepto que, en palabras de Lorenzana, “modernizará e revolucionará a cultura empresarial, favorecendo a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero”.

A futura Lei de igualdade de Galicia pon o foco, polo tanto, en fomentar unha nova cultura empresarial baseada en criterios ambientais, sociais e de gobernanza, poñendo no centro o benestar laboral, aspecto clave que guiará as políticas de emprego e de igualdade; en recoñecer a discriminación múltiple da muller e loitar contra ela cando se suman circunstancias como a discapacidade, a etnia, a idade ou a orientación sexual, entre outras; e en promover a igualdade retributiva para que por un traballo do mesmo valor o salario sexa o mesmo.

A nova normativa inicia agora a súa tramitación parlamentaria, logo de que o Consello da Xunta aprobara o pasado venres o anteproxecto, un texto co que o Goberno galego fai fincapé no eido social, incluíndo, tal e como explicou a conselleira, factores relativos á igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes, á igualdade de xénero, á conciliación da vida privada e laboral, ou ás medidas contra a violencia e o acoso que inciden na consecución de mellores índices de benestar laboral, entre outros.

A nova Lei impulsará tamén a formación para a promoción profesional e aplicará medidas de fomento da conciliación máis amplas, é dicir, que non poñan a atención exclusivamente nas traballadoras. “Porque a conciliación é un dos aspectos que cada vez ten máis peso para as persoas traballadoras”, subliñou a conselleira. Neste senso, incidiu en que o Goberno galego leva anos impulsando axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade, aspectos nos que tamén pon o foco o II Plan de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade de Galicia 2022-2025.

Lorenzana, para concluír, indicou que a normativa, en resumo, reforza o concepto de conciliación e corresponsabilidade, aspectos, que ao seu xuízo, son fundamentais para avanzar cara á sociedade do futuro, “na que os poderes públicos e privados debemos traballar xuntos a favor dunha igualdade efectiva de oportunidades”.

A nova lei nace en concordancia con outros plans de acción do Goberno galego neste eido como son, entre outros, o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou no mes de marzo un protocolo coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Asociación de Mujeres en el Sector Público para a posta en marcha deste proxecto piloto que hoxe se inicia e no que colaborará tamén Real Impact, para fomentar o liderado das mulleres directivas a través da formación. Dez mulleres do sector publico e outras dez do privado participarán nesta experiencia que as entidades definiron de “única”, por xuntar mulleres con responsabilidades nestes dous eidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023