O conselleiro do Medio Rural participou esta tarde por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios

A Xunta insiste na necesidade da reunión urxente que demandou xunto co sector agrario ao Ministerio de Agricultura para que rectifique as axudas aos gandeiros

Tal e como se abordou nun encontro a semana pasada e se materializou nunha carta posterior, o conselleiro do Medio Rural e o sector consideran “inaceptable” a discriminación territorial que sofre Galicia nas achegas directas do Real Decreto-lei

Apuntan que é “inadmisible” que os sectores cárnico e lácteo da comunidade vaian recibir tan só un 25% dos importes previstos, sen compartir o criterio de que o efecto da seca supoña un 75% do prexuízo causado ás explotacións

Tamén cuestionan que as zonas de afección veñan delimitadas por comunidades autónomas, sen atender aos datos técnicos de precipitacións

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, onde insistiu na necesidade da reunión urxente que demandou xunto co sector agrario ao Ministerio de Agricultura co gallo de “tratar a discriminación territorial” de Galicia respecto da repartición das axudas directas que constan no Real Decreto-lei publicado o pasado venres 12 de maio, tal e como se lle trasladou vía carta a semana pasada. Esa misiva materializouse tras a reunión mantida días antes con Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia, entidades todas elas que tamén asinaron o escrito.  

No Consello Consultivo, o conselleiro recordou que o Real Decreto-lei aproba un paquete de 355 millóns de axudas directas aos produtores gandeiros de carne e de leite de vacún, ovino e caprino, así como 5 millóns de euros para o sector da apicultura. Engadiu que tanto nos antecedentes do Real Decreto-lei como no seu articulado menciónanse como causas xustificativas das axudas directas, ademais da seca, a situación de incremento sostido de custos de produción, derivado do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal e dos prezos da enerxía e dos combustibles e agravado pola invasión rusa de Ucraína.  

Aínda así, as axudas directas aprobadas supoñen, no caso do gando vacún -que é o maioritario en Galicia-, 157 euros por vaca nutriz de vacún de carne e 61 euros por vaca nutriz de leite, cantidades que só percibirán as explotacións localizadas na denominada zona de afección alta. Segundo matizou, a nosa comunidade encádrase na zona de afección moderada, polo que lle corresponden tan só un 25% das axudas directas establecidas para as zonas de afección alta. Ademais, no caso da apicultura, dos 5 millóns de euros previstos para o conxunto do Estado, Galicia tan só recibiría 15.500 euros. 

Como xa se apuntou na misiva remitida, José González sinalou que -con independencia do volume de precipitacións de cada autonomía- a situación de incremento de custos de produción está incidindo na gandaría de todo o territorio español de forma moi significativa, con sectores nos que non se observa suba dos prezos en orixe que sexa capaz de cubrir dito incremento. No caso galego, sinaladamente no vacún de carne, lembrou que xa se ten remitido unha carta anterior á da semana pasada propoñendo unha batería de medidas para este sector.

Así, o titular de Medio Rural aseverou que é “inaceptable” a discriminación territorial que sofre Galicia na repartición das axudas directas publicadas no Real Decreto-lei, sendo “inadmisible” que a nosa comunidade tan só poida recibir un 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva. Nesa liña, non comparte o criterio que se empregou para considerar que o efecto da seca supón un 75% do prexuízo causado ás explotacións á hora de calcular as achegas directas.  

A maiores, cuestiona que as zonas de afección veñan delimitadas por comunidades autónomas, sen atender aos datos técnicos de precipitacións. Ademais, insistiu en que a seca redundará nun incremento dos prezos dos insumos procedentes das zonas de afección alta que son adquiridos polos nosos gandeiros, dificultando aínda máis a súa situación económica.  

Cabe engadir, que segundo o acordado coas organizacións agrarias, en Galicia crearase un grupo de traballo para analizar sector por sector cales son os máis prexudicados non só pola seca senón tamén polos seus efectos no incremento dos custos de produción, de cara a aprobar -se fose necesario- apoios por parte da Xunta.

Data de actualización: 22/05/2023