A Xunta avoga polo impulso das vocacións femininas e a diversidade no cine e colabora no desenvolvemento da I Residencia creativa do Festival de curtas FICBUEU

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación deste programa formativo no que tomarán parte creadoras e creadores audiovisuais

Bueu (Pontevedra), 22 de maio de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director da Axencia Galega das industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron hoxe na presentación das bases da I Residencia FICBUEU–Festival Internacional de Cinema de Bueu-, un programa formativo que se desenvolverá en outubro na Illa de Ons, aberto a 4 creadoras e creadores audiovisuais, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Con este proxecto, apóstase polo acompañamento ás persoas participantes na Residencia con titores profesionais que axudarán a fortalecer as propostas presentadas no momento da solicitude. Para poder tomar parte neste proxecto, as persoas candidatas deben ter máis de 18 anos, residir en España e presentar un proxecto de curtametraxe cunha primeira versión de guión escrita.

López Abella puxo en valor que o programa priorice a rotura da fenda de xénero e xeracional, favorecendo a participación no proxecto de mulleres cineastas e de menores de 30 anos. Así, dous dos catro guións que resulten seleccionados para participar na I Residencia, deberán estar escritos por mulleres, “asegúrase a paridade de participación e se contribúe ao impulso dos traballos cinematográficos en feminino”, indicou.

O director da Axencia Galega das industrias Culturais, Jacobo Sutil, pola súa banda, lembrou que, ao igual que nos últimos anos, o FICBUEU se atopa na listaxe das 11 mostras subvencionadas pola Xunta a través da liña de axudas a festivais audiovisuais organizados de xeito profesional e considerados estratéxicos para este sector.

Segundo Sutil, a inclusión habitual do festival de Bueu entre os adxudicatarios desta convocatoria responde "ao gran traballo que vén realizando a súa organización ao longo de todo o ano, non só para o desenvolvemento do propio festival, senón de todas as actividades asociadas que, como esta residencia, amplían o seu valor como creador de novos públicos para o cinema e como altofalante para os profesionais do sector".

Os representantes autonómicos subliñaron a vocación deste novo programa de mostrar realidades de marcado carácter social, promovendo os valores da igualdade, e empoderando ás mulleres e/ou ás nenas, así como para visibilizar a diversidade cultural e etnográfica con presenza de linguas, comunidades, territorios, persoas e temas diversos e inclusivos na oferta audiovisual.

O prazo de presentación das candidaturas a esta I Residencia, que se celebrará entre o 9 e o 15 de outubro deste ano, permanecerá aberto ata o próximo 15 de xuño.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023