A Xunta distingue a Sinergias Sostenibles Resiforest polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e valorización do material extraído

A entrega da mención fíxose efectiva na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, situada no campus de Pontevedra e que tamén colaborou na iniciativa

Pontevedra, 22 de maio de 2023.- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, vén de entregarlle a Sinergias Sostenibles Resiforest unha mención especial no marco do III Foro de innovación produtiva do sector agrario que se celebrou o pasado mes de marzo, polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e valorización do material extraído.

A entrega fíxose efectiva na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, situada no campus de Pontevedra. A UVigo colaborou nesta iniciativa, xunto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, entre outras entidades. O acto de entrega da mención complementouse cunha visita de campo na localidade coruñesa do Pino, na que se está a desenvolver o proxecto. 

Entre os obxectivos da iniciativa -apoiada pola Xunta- están a avaliación dos rendementos de distintas opcións para o aproveitamento de biomasa forestal, a análise medioambiental da nova tecnoloxía no que atinxe á calidade e eficacia de execución en prevención de incendios forestais e a caracterización das diferentes biomasas xeradas a nivel enerxético. Tamén estudar o potencial fertilizante das cinzas de combustión da biomasa forestal e a redución de emisións de gases de infecto invernadoiro, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023