Trenor anima aos coruñeses a aproveitar o Bono Activa Comercio da Xunta

O delegado da Xunta visitou o establecemento La Bellota con motivo do lanzamento da terceira edición desta iniciativa, que mobilizará 8,5 millóns de euros

 Desde o pasado 15 de maio os clientes poden descargar e utilizar os descontos de 30 euros nos comercios adheridos

Subliña que é moi importante “seguir mantendo e reforzar o vínculo das familias co comercio de proximidade” e poñer en valor o seu servizo e calidade
 

Oroso (A Coruña), 22 de maio de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, animou hoxe en Oroso aos coruñeses a aproveitar o Bono Activa Comercio da Xunta que xa está aberto desde o pasado 15 de maio. Trenor, visitou o establecemento La Bellota  con motivo da posta en marcha desta iniciativa, e salientou que é moi importante “seguir potenciando o contacto das familias co comercio de proximidade” e poñer en valor “o servizo e a calidade do pequeno comercio e traballar conxuntamente para consolidar as vendas”. .Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Na provincia da Coruña se mobilizaron ata a data vendas por 1,3 millóns de euros, incluíndo descontos por preto de 270.000 euros que a Xunta abona aos comerciantes. E están adheridos á iniciativa 2.347 negocios da provincia. No Concello de Oroso participan 23 comercios. 

Trenor explicou que a terceira edición do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Como en anteriores ocasións, as persoas consumidoras poderán descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023