A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos alcaldes de Vilanova de Arousa e de Ribadumia na que abordaron o plan de reconstrución da ponte da estrada PO-300

A Xunta fixa como obxectivo completar este ano a reconstrución do treito sobre o río da ponte de Ponte Arnelas cunha intervención que mudará a súa fisionomía

Acometerase unha reconstrución parcial, na parte central, eliminado o arco e os tirantes e gañando en integración

Intervirase nun dos 5 vans da ponte, desmontando esa parte do viaduto sobre o río e reforzando a súa cimentación e, a continuación, montarase a nova estrutura metálica e colocaranse as prelousas, que serán prefabricadas para axilizar os prazos

Trabállase co obxectivo de ter desmontado o vano central no verán e comezar entón a súa reconstrución para que estea rematada a finais de ano ou principios do vindeiro, condicionada polo subministro de materiais

Vázquez Mourelle sinala que xa están concluídos os traballos de apuntalamento da ponte por ambas as marxes para evitar calquera risco de derrubamento, prioridade desde o primeiro momento

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 22 de maio 2023 A Xunta fixa como obxectivo completar este ano a reconstrución do treito sobre o río da ponte de Ponte Arnelas cunha intervención que mudará a súa fisionomía.

Así o trasladou esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na reunión de traballo mantida cos alcaldes de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e de Ribadumia, David Castro, na que abordou o programa para a reconstrución da ponte que comunica ambos os dous concellos a través da estrada autonómica PO-300.

Vázquez Mourelle informoulles das intervencións xa feitas na ponte de Ponte Arnelas desde o seu peche o 18 de abril, tras detectarse danos en varias péndoas que provocaron que a calzada cedese parcialmente, lembrando que ao dia seguinte,  na mañá do 19 de abril, visitou o lugar e se comprometeu cos alcaldes a traballar coa máxima axilidade.

A titular de Infraestruturas incidiu no cumprimento do compromiso da Xunta, adoptando desde o primeiro momento as medidas necesarias para que non houbese circulación rodada nin peonil por motivos de seguridade, ao tempo que se traballaba de forma ininterrompida con medidas encamiñadas a evitar que se agrave a situación e procurar que a restitución da normalidade se produza o antes posible.

A conselleira explicou o plan de traballo decidido para reconstrución parcial que se ten que acometer na ponte para que poida retomarse a circulación viaria e peonil en condicións de plena seguridade. Avanzou que se acometerá unha actuación importante sobre o treito do río que suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero que gañará notablemente en estética e integración.

Concretamente, intervirase só nun dos 5 vans da ponte, é dicir, só na parte que vai sobre o río. Para iso, segundo indicou a conselleira, o primeiro que se ten que facer será a desmontaxe desa parte do viaduto para, a continuación, proceder á súa reconstrución.

Na intervención de reconstrución reforzarase a cimentación da ponte e, a continuación, montarase a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas, que serán prefabricadas para axilizar os prazos. A partir de aí será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, impermeabilización, pavimentación, pintado, instalación de peitorís, etc.

Ethel Vázquez sinalou o obxectivo de ter desmontada a ponte no verán e comezar deseguido a súa reconstrución, co fin de que poida estar rematada a finais deste ano ou, como moito, a principios do vindeiro, condicionado á subministración de materiais.

A reconstrución xa en marcha

A conselleira fixo fincapé no cumprimento do compromiso adquirido cos alcaldes de ambos os dous municipios de traballar coa maior dilixencia para garantir, dunha banda, a seguridade das persoas e, doutra banda, restituír a circulación no menor prazo posible.

A titular de Infraestruturas lembrou que o primeiro que se fixo foi inspeccionar en profundidade a estrutura, para aclarar as causas do sucedido e para coñecer o alcance dos danos, que se concentran no vano central da ponte. Así, xa nos primeiros días constatouse que a corrosión e oxidación, principalmente, na base das péndoas que sustentan o arco da ponte, provocou a súa rotura e o afundimento de parte da calzada.

Desde o primeiro momento tamén se fixo un seguimento da estabilidade da estrutura, que non se moveu. En todo caso, priorizouse evitar calquera risco de derrubamento, para o que se procedeu ao apuntalamento da ponte por ambas as marxes, uns traballos que xa están concluídos. A titular de Infraestruturas lembrou a complexidade destes traballos, posto que se está a actuar no leito dun río, que hai que respectar, polo que os traballos se coordinaron con Augas de Galicia, tendo en conta tamén o réxime de desaugamento do encoro de Caldas.

O seguinte paso previsto é retirar o peitoril para reducir o peso que soporta, que se vai comezar nos vindeiros días, facendo control constante sobre como vai respondendo a estrutura.

Paralelamente, e tendo en conta a información sobre o estado da estrutura que deron as inspeccións e que apuntan á necesidade de intervir unicamente no treito central da ponte onde se concentraron os danos, a Xunta traballou no deseño e análise das diferentes alternativas para a reconstrución que hoxe se abordou cos alcaldes.

Un labor que, tal e como subliñou Ethel Vázquez, se sustenta tamén nos traballos de xeotecnia que se están a realizar sobre o terreo desde o pasado xoves, o que na práctica supón que a reconstrución de Ponte Arnelas xa está en marcha.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023