A Xunta adxudica por máis de 576.000 € as obras para dotar de abastecemento de auga potable distintos núcleos de Pantón

As actuacións, cun prazo de execución de 6 meses, habilitarán este servizo para 26 núcleos das parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, que actualmente se abastecen de auga a través de pozos


Executarase unha captación de 120 metros de profundidade e construirase un depósito de 100 m³, ademais de instalacións complementarias


Tamén se disporá unha rede de distribución con 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión e outra por gravidade
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de emitir a proposta de adxudicación por máis de 576.000 € das obras para dotar de abastecemento de auga potable distintos núcleos do concello de Pantón.

 

Unha vez que a empresa Construcciones Cernadas, S.L. presente a documentación solicitada, fornalizarase a adxudicación do contrato destes traballos, que teñen un prazo de execución de 6 meses.

 

O obxectivo é dotar de rede de abastecemento de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos das parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, que actualmente carecen deste servizo, abastecéndose a través de pozos.

Executarase unha captación de 120 metros de profundidade, construirase un depósito de 100 m³, de estrutura de formigón armado; e adxacente unha caseta coa cámara de chaves, un grupo de presión equipado con dúas bombas con caudal variable e presión constante, e o equipo de cloración. 

 

Tamén se disporá unha rede de distribución, de tubaxe de polietileno de alta densidade. Serán 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión naquelas zonas onde esta non é suficiente para levar a auga as casas e, no resto, por gravidade; ademais de 149 acometidas.

 

Estas intervencións serán financiadas pola Unión Europea no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á pandemia da covid-19.

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Pantón.

Así, a entidade hidráulica Xunta, aínda que Pantón pertence á conca de responsabilidade estatal, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, redactou o proxecto desta actuación e será a encargada de executar as obras e achegar o 80% do financiamento.

Pola súa banda, a entidade local achegará o orzamento restante e asumirá a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento e explotación destes servizos municipais.

 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

Data de actualización: 22/05/2023