A Xunta inicia a consulta pública de cara á implementación dunha nova zona de concentración parcelaria no concello de Ordes

Esta actuación supón o comezo da tramitación para a avaliación previa da zona de reestructuración parcelaria de Ordes – Pereira II, con 1.323 hectáreas implicadas
 

Xa está publicada na web da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á súa posible execución, co obxecto de que os interesados poidan presentar alegacións deica o próximo 31 de maio
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

A Xunta anuncia o inicio da tramitación para a avaliación previa da zona de reestruturación parcelaria de Ordes – Pereira II -no concello coruñés de Ordes – cunha superficie de 1.323 hectáreas implicadas.

 

Así, xa está publicada na web sobre concentracións parcelarias da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución desta zona, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións deica o próximo 31 de maio. En concreto, no apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta do cumprimento dos obxectivos xerais e os planos relativos a este proceso.

 

Cabe destacar que no Concello de Ordes xa se remataron 11 zonas de concentración parcelaria, cunha superficie concentrada que acada as 9.170 hectáreas, afectando a 52.223 parcelas e a 11.863 predios resultantes de 5.964 persoas propietarias. A maiores, trabállase na zona de concentración parcelaria de Poulo, decretada en 2021 e que afecta unha superficie de 744 hectáreas. Así, de materializarse o proceso de Pereira II, completaríase a concentración do 100 % do territorio municipal de Ordes.

 

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, permite reorganizar parcelas de cara ao redimensionamento das explotacións, facéndoas máis rendibles e abaratando os custos de produción, incrementando a súa sustentabilidade e competitividade no mercado. Así mesmo, posibilita mellorar as vías de comunicación, non só para as parcelas, senón entre poboacións, o que supón maior dotación de servizos básicos que potencian a calidade de vida no rural, entre outras actuacións relativas a infraestruturas.

 

Por iso, a Xunta segue impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Data de actualización: 22/05/2023