A Xunta incorporará o plurilingüismo a todos os ciclos e másteres de FP na modalidade dual o vindeiro curso

O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio da convocatoria para que os centros incorporen as linguas estranxeiras a estas ensinanzas


O obxectivo é mellorar as competencias en idiomas destes alumnos e promover a súa inserción laboral

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 20 de xuño
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se regulan as ensinanzas de FP plurilingües para o curso 2023/24. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades abre o prazo para que os centros que imparten estas ensinanzas presenten os seus proxectos para impartir parte do currículos dos seus ciclos e másteres de FP nunha lingua estranxeira.

Ao abeiro desta convocatoria, os ciclos e másteres de FP que se inicien no curso 2023-2024 na modalidade de FP Dual incluirán, con carácter xeral, a formación necesaria para teren a consideración de plurilingües. Deste xeito, aténdese a demanda desta habilidade por parte das empresas colaboradoras, dado que o coñecemento de linguas estranxeiras é un requisito fundamental para elas á hora de seleccionar o mellor talento.

O obxectivo deste programa é mellorar as competencias en idiomas do alumnado destas ensinanzas, ao tempo que se promove unha maior inserción laboral para estes titulados. Non en balde, son as propias empresas colaboradoras da FP, tanto na formación en centros de traballo como na modalidade dual, as que expresan a necesidade de contar con profesionais cualificados para manexar outras linguas no actual contexto global.

Con carácter xeral, os idiomas estranxeiros serán o inglés, o francés, o alemán e o portugués, aínda que os centros poderán escoller outro se o xustifican debidamente na súa solicitude. A resolución publicada hoxe inclúe o programa formativo dos módulos de lingua estranxeira profesional de carácter extracurricular para calquera dos dous cursos.

Un total de 123 grupos este curso

No curso actual son 123 os grupos que os centros de FP de Galicia imparten na modalidade plurilingüe, dos que 66 comezaron o pasado mes de setembro.

 

Os centros que desexen participar neste programa poderán solicitalo desde mañá ata o 20 de xuño, xuntando tanto a concreción do currículo para o vindeiro curso 2023/24 como a planificación prevista para o 2024/25, incluíndo de xeito específico os módulos que se impartirían nunha lingua estranxeira, entre outros datos. A solicitude remitirase directamente á Dirección Xeral de Formación Profesional.

O plurilingüismo poderá incorporarse de varios xeitos, ben a través de módulos (materias) propiamente dunha lingua estranxeira, ben a través da impartición dun módulo do ciclo noutro idioma ou dos módulos de lingua estranxeira profesional deseñados pola Consellería e cuxo currículo se inclúe na resolución.

Data de actualización: 22/05/2023