Lete Lasa destaca a capitalidade galega no salvamento e socorrismo que neste 2023 acolle seis campionatos de España

O secretario xeral para o Deporte destaca a figuras galegas desta disciplina como Antía García, Eva Feijóo, Gabriel Rodríguez ou Alejandro Chacón

A Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo fixo entrega ao secretario xeral dun recoñecemento pola colaboración da Xunta na organización e apoio do X Campionato de España Máster
 

Sanxenxo (Pontevedra), 21 de maio de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na entrega de premios do X Campionato de España Máster de Salvamento e Socorrismo que se disputou na piscina de Caldas de Reis e na praia do Silgar. O responsable do Deporte galego fixo entrega do diploma de primeiro clasificado ao Club Acuático Umia, de Caldas de Reis. A Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo fixo entrega ao secretario xeral dun recoñecemento pola colaboración da Xunta de Galicia na organización e apoio do campionato.

Lete Lasa destacou a capitalidade galega no salvamento e socorrismo nacional que, neste 2023, acollerá seis campionatos de España, ademais deste máster, o XXXV Campionato de España infantil e Cadete de Verán en Laxe (A Coruña), o XXXV Campionato de España Xuvenil e Júnior de Verán na Coruña e o XXXV Campionato de España Absoluto de Verán na Coruña.

O responsable do Deporte galego reivindicou un deporte como o “salvamento e socorrismo” que a pesar de ter unha federación nova, creada en 1997, é un “deporte náutico máis no que Galicia tamén é potencia do mesmo xeito que o piragüismo, o remo, o tríatlon ou a vela”. De feito, o responsable da carteira de Deporte subliñou que dende 2004, os clubs galegos aumentaron en máis do dobre, pasando de 6 a 14; e que as licenzas se quintuplicaron, ao pasar de 250 a máis de mil, perfectamente repartidas entre mulleres e homes.

Para incidir na posición de Galicia como referente nacional e mesmo internacional do Salvamento e Socorrismo, Lete Lasa destacou a figura de Antía García, bicampioa de Europa e campioa do Mundo e que xa conta cun récord mundial na proba de 100 metros remolque de maniquí con aletas, ademais doutros deportistas mozos como Eva Feijoo, Gabriel Rodríguez ou Alejandro Chacón.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2023