A Xunta avanzará a vindeira semana en actuacións de limpeza e acondicionamento nas marxes de 4 estradas autonómicas

Na provincia de Lugo continuará cos traballos na LU-152, nos concellos do Valadouro e de Foz; e na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1)

Tamén avanzará nas tarefas de limpeza na PO-223, no concello de Pontevedra; e na OU-536, no acondicionamento dunha rotonda no concello ourensán do Pereiro de Aguiar

Estas actuacións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, cun investimento de case 3 M€ para os dous próximos anos

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2023 A Xunta avanzará a vindeira semana en actuacións de limpeza e acondicionamento nas marxes de 4 estradas autonómicas.

Estas tarefas daranlle continuidade ás que están en marcha desde as semanas anteriores, como, no caso da provincia de Lugo, onde proseguirán os traballos na LU-152, nos concellos do Valadouro e de Foz; e na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1). 

Na provincia de Ourense tamén continuarán os traballos na estrada OU-536, concretamente, de acondicionamento dunha rotonda no concello do Pereiro de Aguiar. 

No caso da provincia de Pontevedra, as tarefas seguirán desenvolvéndose na estrada PO-223, no concello de Pontevedra. 

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos. 

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

Os obxectivos deste programa son previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023