A terceira edición do bono enerxía peme da Xunta rexistrou máis de 600 solicitudes para a mellora enerxética das instalacións de autónomos e pemes

O presidente galego lembra que o prazo de solicitude desta convocatoria -que conta cun orzamento de 4,2 M€- manterase aberto ata o 29 de xuño

Precisa que o apoio máis demandado é o dirixido á mellora do equipamento, con 278 solicitudes, seguido do da iluminación, con 200 peticións, e a mellora da climatización, con 158

Apunta que as solicitudes estanse analizando e empezando a resolver, e xa se concederon anticipos “por importe de case un millón de euros”

Santiago de Compostela,19 de maio de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou a “magnífica acolllida” que está a ter a terceira edición do Bono Enerxía Peme, xa que o estado de tramitación que se levou hoxe ao Consello da Xunta de Galicia reflectiu que xa recibiu máis de 600 solicitudes, “por importe de case tres millóns de euros” -que se están analizando e empezando a resolver-, “para axudarlles a autónomos e pemes a sufragar custos neste momento de alza de prezo da enerxía”, apuntou.

O mandatario galego precisou que a convocatoria, que conta cun orzamento de case 4,3 millóns de euros, manterase aberta ata o 29 de xuño e apuntou que, das solicitudes recibidas ata o momento, a maioría son para a mellora de equipamento
-278-, seguidas da iluminación -200- e da climatización, con 158 peticións.

Os solicitantes poderán acceder a un anticipo de ata o 50% sen necesidade de presentar avais. Neste sentido, Rueda puxo en valor que  Xunta xa realizou anticipos “por importe de case un millón de euros” para actuacións que van dirixidas a mellora da envolvente a través de elementos de control solar como toldos de cor branco ou negro; iluminación, coa renovación de equipamentos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led; a eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparellos por outros de cualificación enerxética B ou superior; climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente. Este ano súmanse, ademais, as axudas para asesoramento enerxético.

Rueda explicou que, carácter xeral, a axuda máxima é de 6.000 euros por solicitude, aínda que a axuda do bono de asesoramento enerxético non computará para os efectos do devandito límite, e virá limitada en función do consumo do centro de traballo.

Con este programa preténdese axudar ás pequenas empresas e aos autónomos a afrontar o custo da súa factura eléctrica, ao tempo que se incentiva a cultura da eficiencia enerxética entre o tecido empresarial, dotándoo de ferramentas e recursos para que poidan aforrar no consumo enerxético e reducir custos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023