A Xunta adxudica por 32,5 M€ as obras da 1ª fase da futura Cidade de San Caetano, na contorna da antiga estación de autobuses de Santiago

Nesta 1ª fase executaranse os dous primeiros módulos do edificio, de máis de 12.000 m², configurado mediante un esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral que unirá os distintos usos e niveis, dando acceso os dous bloques, e cun patio interior con arborado

Os edificios distribuiranse en catro andares, dous por baixo e dous por riba da cota do acceso principal desde a praza de Camilo Díaz Baliño

Destaca no proxecto da Cidade de San Caetano a vontade de ser exemplo de funcionalidade e eficiencia enerxética e a solución axardinada proposta para as cubertas

Os traballos inciden na integración paisaxística e na reurbanización da contorna, en especial entre os novos edificios e as instalacións do servizo de bombeiros, nas que se proxecta a 2ª fase das obras, quedando mentres como espazo público para os cidadáns

A previsión é iniciar os traballos na primeira quincena de xullo, de modo coordinado coa adaptación da rúa Rodríguez de Viguri, que habilitará unha parada de intercambio modal na Cidade Administrativa de San Caetano e cuxas obras se iniciaron este pasado xoves

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023 A Xunta vén de adxudicar por 32.573.948 euros a execución das obras da 1ª fase da futura Cidade de San Caetano, na contorna da antiga estación de autobuses de Santiago. 

Os traballos, adxudicados á UTE Acciona Construcción, S.A.-Acciona Industrial, S.Aempezarán a dar forma á futura Cidade de San Caetano, coa execución da 1ª fase dun gran centro de actividade administrativa, que concentrará nun único espazo servizos da administración autonómica agora espallados pola cidade.  

A previsión é iniciar os traballos na primeira quincena de xullo, de modo coordinado coa adaptación da rúa Rodríguez de Viguri, que habilitará unha parada de intercambio modal na Cidade Administrativa de San Caetano e cuxas obras se iniciaron este pasado xoves.  

Máis en detalle, a 1ª fase da Cidade de San Caetano terá un prazo de execución de 18 meses e comprenderá a construción dos dous primeiros módulos do edificio, cunha superficie útil de máis de 12.000 m² e unha configuración flexible, adaptable a diferentes usos e incluíndo, en todo caso, espazo para instalacións, almacéns e arquivos. 

O deseño dos módulos, que seguen un esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral, permitirán conectar os distintos usos e niveis dando acceso os dous bloques, entre os que se disporá un patio interior con árbores. Os edificios distribuiranse en catro andares, dous por baixo e dous por riba da cota do acceso principal desde a praza de Camilo Díaz Baliño.  

Entre outros aspectos da intervención, nas obras adxudicadas destaca a solución axardinada proposta para as cubertas e a vontade de que a Cidade de San Caetano sexa un exemplo en canto á funcionalidade e eficiencia enerxética. 

Deste xeito, en coherencia coas obras impulsadas pola Xunta para mellorar o illamento térmico dos edificios orixinais de San Caetano, actualmente en execución no Edificio de Espellos, tamén nas novas instalacións primará a procura da máxima eficiencia enerxética, seguindo os principios do Nearly Zero Building. Trátase, dunha técnica construtiva que procura a xeración de enerxía case autónoma, cunha instalación de xeotermia e paneis solares fotovoltaicos na cuberta. 

Ademais, nesta obra da Xunta prestarase especial coidado á integración paisaxística e á reurbanización do espazo público da contorna, con moita atención ao ámbito entre os novos edificios e as instalacións do servizo de bombeiros. Esa zona, na que se proxecta o desenvolvemento futuro da 2ª fase da Cidade de San Caetano, quedará, mentres tanto, como espazo público ao servizo dos cidadáns.

As obras que se acaban de adxudicar da 1ª fase da futura Cidade de San Caetano teñen como obxectivo mellorar a atención aos cidadáns, renovar e modernizar o espazo de traballo para preto de 700 empregados públicos e evitar un gasto en alugueiros de máis de 1,1 M€/ano. Tamén achegarán valor engadido a todo este ámbito da cidade, procurando a súa ordenación e a máxima integración estética.

Data de actualización: 20/05/2023