A Xunta e o sector agrario demandan por carta unha reunión urxente ao Ministerio de Agricultura para que rectifique as axudas directas que prexudican os gandeiros galegos

Tal e como se acordara na reunión mantida o pasado luns, o conselleiro do Medio Rural acaba de remitir unha misiva ao ministro Luis Planas que tamén asinan Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia.

No escrito -que tamén foi remitido ao delegado do Goberno en Galicia e aos subdelegados provinciais- consideran “inaceptable a discriminación territorial que sofre Galicia” na repartición das axudas directas publicadas no Real Decreto-lei

Apuntan que é “inadmisible” que os sectores cárnico e lácteo da comunidade vaian recibir tan só un 25 % dos importes previstos, sen compartir o criterio de que o efecto da seca supoña un 75 % do prexuízo causado ás explotacións.

Tamén cuestionan que as zonas de afección veñan delimitadas por comunidades autónomas, sen atender aos datos técnicos de precipitacións.

Cómpre lembrar que ademais de demandar unha reunión urxente co Ministerio, o luns pasado acordouse crear un grupo de traballo para analizar os sectores máis prexudicados pola seca e os seus efectos na suba dos custos de produción.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de remitir unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, para demandar unha reunión urxente co gallo de “tratar a discriminación territorial” de Galicia respecto da repartición das axudas directas que constan no Real Decreto-lei publicado o pasado venres 12 de maio. Tal e como se acordara na reunión mantida o pasado luns, a misiva tamén está asinada por Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia.

No escrito -que tamén foi remitido ao delegado do Goberno central en Galicia e aos subdelegados provinciais-, exponse que o Real Decreto-lei polo que se adoptan medidas urxentes en materia agraria e de augas en resposta á seca e ao agravamento das condicións do sector primario derivadas do conflito bélico en Ucraína e das condicións climatolóxicas aproba un paquete de 355 millóns de axudas directas aos produtores gandeiros de carne e de leite de vacún, ovino e caprino, así como 5 millóns de euros para o sector da apicultura. Engádese que tanto nos antecedentes do Real Decreto-lei como no seu articulado menciónanse como causas xustificativas das axudas directas, ademais da seca, a situación de incremento sostido de custos de produción, derivado do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal e dos prezos da enerxía e dos combustibles e agravado pola invasión rusa de Ucraína.

Aínda así, as axudas directas aprobadas supoñen, no caso do gando vacún -que é o maioritario en Galicia-, 157 euros por vaca nutriz de vacún de carne e 61 euros por vaca nutriz de leite, percibindo esta cantidade os produtores que teñan as súas explotacións na denominada zona de afección alta. Segundo matizan, Galicia encádrase na zona de afección moderada, polo que lle corresponden tan só un 25 % das axudas directas establecidas para as zonas de afección alta. Ademais, no caso da apicultura, dos 5 millóns de euros previstos para o conxunto do Estado, Galicia tan só recibiría 15.500 euros, cantidade insuficiente para a nosa Comunidade Autónoma e que reflicte unha “clara discriminación territorial”, segundo os que subscriben o escrito.

Na misiva remitida, sinálase que -con independencia do volume de precipitacións de cada Comunidade Autónoma- “a situación de incremento de custos de produción está incidindo na gandaría de todo o territorio español de forma moi significativa, con sectores nos que non se observa suba dos prezos en orixe que sexa capaz de cubrir dito incremento”. No caso galego, sinaladamente no vacún de carne, engádese que xa se ten remitido unha carta anterior propoñendo unha batería de medidas para este sector, en alusión á misiva enviada por parte do conselleiro do Medio Rural a semana pasada.

Así, no escrito apúntase que “é totalmente inaceptable a discriminación territorial que sofre Galicia na repartición das axudas directas publicadas no Real Decreto-lei”, sendo “inadmisible” que a nosa comunidade tan só poida recibir un 25 % dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva. Nesa liña, os asinantes non comparten “o criterio que se empregou para considerar que o efecto da seca supón un 75 % do prexuízo causado ás explotacións á hora de calcular as axudas directas”.

A maiores, cuestiónase que “as zonas de afección veñan delimitadas por Comunidades Autónomas, sen atender aos datos técnicos de precipitacións”. Ademais, recóllese que a seca redundará nun incremento dos prezos dos insumos procedentes das zonas de afección alta que son adquiridos polos nosos gandeiros, dificultando aínda máis a súa situación económica. Por todo isto, solicítase unha reunión urxente ao Ministerio para que poida rectificar a situación.

Cabe engadir, que tamén segundo o acordado o pasado luns, a Xunta e as organizacións agrarias crearán un grupo de traballo para analizar sector por sector cales son os máis prexudicados non só pola seca senón tamén polos seus efectos no incremento dos custos de produción, de cara a aprobar -se fose necesario- apoios por parte do Goberno galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023