A Xunta ratifica o seu apoio ao programa Estalmat-Galicia, de talento matemático, que rende homenaxe aos máis de 400 alumnos da promoción 2021

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na cerimonia anual presidida polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023 A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na cerimonia de clausura anual do proxecto Estalmat-Galicia, de Estímulo do Talento Matemático e de despedida dos estudantes da 14º promoción (ano 2021), nun acto presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, na Facultade de Matemáticas.

Na súa intervención, a representante da Xunta ratificou o apoio do Goberno galego a esta iniciativa “ao servizo daqueles alumnos que queren afianzar a súa vocación matemática”, ao tempo que representa “unha oportunidade educativa” no eido das competencias STEM.

Na edición de 2021, que agora se despide, participaron un total de 406 estudantes de toda Galicia.

Estímulo do talento

Pilotado pola Universidade de Santiago de Compostela a través da Facultade de Matemáticas e apoiado pola Xunta de Galicia entre outras institucións, Estalmat-Galicia é un programa avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España e creado co obxectivo de estimular o talento matemático entre a mocidade.

Durante o curso os estudantes seguen un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde o ano 1998 ven implantándose en distintas Comunidades como Galicia, Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2023